“Imos dar a batalla política, democrática e, se fai falta, legal contra o proxecto”
Pontón considerou que a forza da xente aínda pode frear a macrocelulosa e avanzou que dende o BNG “imos dar a batalla política, democrática e se fai falta legal” contra unha agresión a Galiza que ten poucos precedentes. É por iso que, en declaracións aos medios tras unha visita á Universidade de Vigo, aproveitou para facer unha chamada á mobilización social contra un proxecto contaminante que, lonxe de beneficiar o País, supón unha “hipoteca para o noso futuro”
“Este é o momento da cidadanía para dicir alto e claro que en Galiza queremos industrias sostibles e que, polo tanto, non podemos avalar que se nos impoña unha macrocelulosa contaminante no corazón do noso medio rural, que non queremos deixar hipotecas aos nosos fillos e as nosas fillas”, proclamou.
Pontón dirixiuse tamén ao Goberno do Estado para que sexa “claro e rotundo” e non deixe que unha industria contaminante como a que queren instalar en Palas de Rei reciba nin un só euro de cartos públicos, “e moito menos —precisou— os 250 millóns de euros dos Fondos Next Generation que o Executivo de Rueda pide para Altri, unha empresa vinculada a cargos do Partido Popular”.
Máis unha vez, a líder do Bloque reclamou ao presidente da Xunta que rectifique e que poña os intereses de Galiza por riba dos intereses das empresas amigas do Goberno do PP, ao que reprochou o seu papel como comercial de Altri para instalar en Galiza unha celulosa que non queren en Portugal, “como se os galegos e as galegas tivésemos que soportar as industrias contaminantes que os demais non queren”, subliñou.
A portavoz nacional declarou, por outra banda, non estar sorprendida pola publicación do permiso ambiental para que a multinacional lusa poida continuar co procedemento para instalar a macrofábrica posto que a propia empresa fixo o anuncio hai xa semanas, deixando claro a total complicidade co PP.
“Desde o primeiro momento o PP avalou este proxecto”, agregou, lembrando que “a propia conselleira de Industria, antes de se coñecer o proxecto, dicía xa que era redondo desde o punto de vista da sustentabilidade e que, polo tanto, tiña todos os parabéns de Galiza”. Logo virían, condenou, “toda unha serie de actuacións destinadas a chegar ata este punto”, dixo aludindo ao informe publicado hoxe, “un día triste” no avance dunha “agresión moi similar dende o punto de vista medioambiental á que no seu día foi o Prestige”.
“En Galiza queremos industrias tecnolóxicas, vangardistas e de futuro baseadas na ciencia e na innovación, no respecto ao medio ambiente, e non industrias contaminantes como as que nos quere impoñer o PP seguindo o mesmo modelo industrial do franquismo”, concluíu.