“Un goberno que non escoita a súa cidadanía é un goberno que non respecta a democracia”, afirma ante a manifestación de mañá na Pobra
Santiago de Compostela, 21 marzo 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo estender a moratoria do eucalipto até 2030, tal e como fixo Portugal, na vez de seguir convertendo Galiza nun polvorín para beneficio de Altri, tal e como está facendo o Goberno de Alfonso Rueda.
Pontón advertiu que “o Partido Popular converteu Galiza nun eucaliptal e Altri vai supoñer aínda máis eucalipto nos nosos montes, con máis risco de incendios, con máis risco contra o noso medio ambiente e tamén para a seguridade das persoas”, polo que defendeu, ademais da paralización da macrocelulosa, unha moratoria na plantación de eucaliptos, como mínimo, até o ano 2030.
“Nin un só eucalipto máis nos nosos montes durante os próximos cinco anos porque os intereses de Galiza teñen que estar por diante dos de Altri”, recalcou logo da reunión que mantivo con representantes de entidades do monte e do ámbito forestal para analizar a situación do sector, coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Bosques.
A líder nacionalista recordou que a expansión do eucalipto neste momento está “totalmente descontrolada”, con 413.000 hectáreas, o 14% do territorio galego, fronte ás 245.000 que, como máximo, recollía o Plan Forestal Galego para o ano 2032, é dicir, practicamente o dobre.
Un dato alarmante que contrasta coas cifras produtivas, xa que Galiza representa o 50% de todas as cortas do Estado, pero só 13% da facturación e do emprego, números que evidencian o “fracaso da política forestal do Partido Popular” que, afondou, “deixa que os intereses privados decidan que se planta, onde se planta e que se corta e cando se corta”.
Pontón denunciou que hoxe en día o control dos montes galegos “está en mans de tres grandes pasteiras, Ence e as portuguesas Altri e Navigator”, que usan “o mecanismo das portas xiratorias” para controlar a plantación e compra de eucaliptos en Galiza, sobre todo despois da moratoria de Portugal, país que, por certo, si está aplicando políticas eficaces para frear o descontrol do eucalipto e a implantación de pasteiras contaminantes como a propia Altri.
Neste sentido, a portavoz do Bloque recordou as conexións históricas de Ence co Partido Popular, incorporando no seu consello de administración a exaltos cargos como a ministra de Medio Ambiente, Isabel Tocino, ou o exconselleiro, tamén de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, “portas xiratorias” que se repiten agora tamén coas multinacionais portuguesas Altri e Navigator.
No primeiro caso, a través da súa alianza para a macrocelulosa en Palas de Rei con Greenalia, firma da que forma parte a exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, -“compañeira de partido do señor Rueda”, subliñou- e no de Navigator, coa recente fichaxe do exdirector de Conservación da Natureza do Goberno do PP, Ricardo García Borregón.
“Hai que darlle un xiro de 180 graos á ordenación e xestión do noso monte para poñelo ao servizo do País, acabando coas portas xiratorias e con esa cadeira que teñen eses intereses no Consello da Xunta”, sintetizou ante a evidencia dos feitos.
Por iso, avanzou que o goberno alternativo do BNG vai presentar no Parlamento propostas serias e rigorosas para abordar a ordenación do monte que permitan superar o modelo fracasado do PP e camiñar cara a un modelo de “monte multifuncional”, onde se pechen ciclos produtivos e se acaden produtos de maior valor engadido que permitan xerar máis riqueza e máis emprego e tamén afrontar o enorme desafío do cambio climático.
Así, e ademais da moratoria na plantación de eucaliptos até o ano 2030, medida que cualificou de “imprescindible” para frear o descontrol na proliferación desta especie, e a aposta por un monte multifuncional desde unha perspectiva ecolóxica, social e produtiva, con especies arbóreas autóctonas e madeiras de calidade, Pontón apostou tamén pola recuperación gradual das terras agrarias ilegalmente forestadas con eucalipto.
A isto sumou dúas propostas máis: a aposta pola ciencia e a innovación para xerar produtos de maior valor engadido e o peche do ciclo produtivo da madeira a través de segundas transformacións e produtos de alto valor engadido para que a riqueza forestal galega quede no País e non se exporte sen apenas transformación.
“Estas son as medidas que precisa o monte e o sector forestal galego e as que debería estar tomando un goberno que poña os intereses de Galiza por diante” indicou para lamentar a continuación que, sen embargo, o Goberno do PP continúe defendendo os intereses de Altri “recuperando o franquismo industrial das macrocelulosas”. “En 1963, o franquismo impúxonos Ence na ría de Pontevedra e en 2025 o Goberno de Rueda o único que ten que ofrecerlle a Galiza é outra macrocelulosa, a bomba ambiental dde Altri”, afondou.
Por iso, a líder nacionalista quixo reafirmar o compromiso do BNG para, “man a man coa cidadanía” facer todo o posible para que “o Partido Popular non hipoteque o futuro” do País e que a vida da xente do mar e do rural e do conxunto dos galegos e das galegas “sexa máis importante que os resultados dunha empresa portuguesa como Altri”.
Nesta liña e a preguntas dos medios, considerou “clave” para frear esta “bomba ambiental” a mobilización social, única vía que deixa un Executivo, o de Rueda, empeñado en tomar decisións “en contra da xente deste país”. “Un goberno que non escoita á súa cidadanía é un goberno que non respecta a democracia”, afirmou para concluír mostrando o seu convencemento da participación masiva que vai ter a manifestación convocada para mañá na Pobra do Caramiñal en contra dunha macrocelulosa que tamén pon en risco a vida de 4.000 familias na ría de Arousa.