Lourenzá, 26 de marzo, 2025. Desde o comezo do mes de xaneiro de 2025 persoas de diferentes lugares do mundo reúnense semanalmente na Escola de Arroxo, en Lourenzá. Aproveitan para repasar coñecementos de gramática, adéntranse na literatura galega e conversan sobre xeografía, historia, música e cultura en xeral, unhas veces sobre Sapanta (o Cemiterio Alegre, de Rumanía) e outras sobre o sistema educativo no Brasil ou a tradición musical da Arxentina.
Para este próximo sábado, día 29, teñen prevista unha das súas “actividades extraescolares”. A partir das 16:30, reuniranse en sesión aberta ao público no Museo Provincial do Mar e aproveitarán para dar a coñecer a propia iniciativa do curso para neofalantes, para poñer en común os traballos de campo que están realizando e tamén para visitar a exposición Palabra e Memoria, que recolle unha antoloxía de fotografías de epitafios.