Denuncian a non cobertura das ausencias, que non se compensa o exceso de xornada e a negativa a negociar o calendario de vacacións
Nesta ocasión as concentracións fixéronse de xeito consecutivo diante do Gadis da rúa do Campo da Ponte, no supermercado Froiz da rúa José María Chao, e na tenda Gadis da rúa de Galiza. Coas protestas, a representación da CIG quere denunciar que estas dúas empresas (hexemónicas no convenio de comercio de alimentación da provincia de Lugo) seguen sen respectar os dereitos laborais do seu persoal.
Critican que ambas compañías non cobren os permisos, vacacións, licenzas e baixas obrigando o resto do persoal a asumir máis traballo da que lle corresponde e a soportar unha sobrecarga brutal que ten consecuencias directas sobre a súa saúde. Pero ademais, aínda que Gadis e Froiz obteñen beneficios millonarios, “non compensan o exceso de xornada anual pola baixada de horas no convenio e todas as traballadoras e traballadores da provincia fan unha media de 20-22 horas extra que as empresas se negan a pagar porque non as recoñecen”, advirte Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña.
Xunto a isto, critica que estas compañías tamén se negan a acordar cos comités un cadro de quendas de vacacións “para poder así seguir dándoas cando lles dá a gana e abrindo o abano dende maio até outubro. Nós pedimos unha proposta razoábel, se son vacacións de verán terán que gozarse no verán”, apunta Paz, quen rexeita que estas empresas nin sequera entregan os cadros de quendas semanais coa antelación mínima exixida.
Todas estas problemáticas son expostas polas delegadas e delegados da CIG nos comités de Gadis e Froiz en cada unha das reunións coa empresa, pero ambas patronais néganse en redondo a negociar ningunha mellora das condicións de traballo e dos salarios (os de Lugo son os máis baixos dos catro convenios provinciais).
Pro iso, a CIG xa avanza que o calendario de protestas continuará adiante até que se respecten os dereitos do persoal.