Foz, 31 de marzo de 2025. Pastelería Anduriña, de Foz, organiza a 9ª Festa da Empanada do 1 ao 6 de abril. Durante estes días haberá descontos, degustacións e terá lugar o sorteo de 2 vales de 100 euros cada un para consumir neste establecemento.
Moncho Castro, o propietario do establecemento, explica que “durante eses días os amantes da empanada poderán degustar máis de 40 tipos diferentes. Teremos, coma sempre, empanadas do mar, da terra, veganas, vexetarianas e doces. As novidades desta edición son a empanada de porco celta con castañas e a de orella”.
Na ampla oferta de empanadas de Pastelería Anduriña podemos atopalas salgadas de zamburiñas, de berberechos, de polbo con gambas, de pescada con gambas, de sardiñas, de carne de tenreira e cabrales, de zorza, de polo con patacas fritas, de espinacas con bechamel e tropezóns de xamón york e queixo, de cecina con rulo de cabra e cebola caramelizada, de salteado de verduras con tofu ou rechea de escalibada con bechamel. E doces como pastelón de mazá, de cabelo de anxo, capricho de crema ou de queixo con marmelo.
Moncho Castro subliña que “aquelas persoas que do 1 o 6 de abril merquen empanadas ou pastelóns, tanto enteiros como en racións obterán un desconto do 10%. E entre todos os clientes que estes días merquen empanadas en Pastelería Anduriña imos sortear dous vales de compra de 100 euros cada un para que sigan comprando empanadas e pastelóns no noso negocio”.
Tamén se poden facer encargos no teléfono 982 132 554, no whatsapp 648 448 157 ou en www.andurinafoz.com
O sorteo terá lugar a través de Radio Foz o día 10 de abril.