A Mariña, 28 de marzo de 2025. Durante máis dunha hora o Foro de Análise sobre as comunicacións e o transporte na Mariña, organizado pola FCAM, pulsou a opinión de empresarios, mestres e sanitarios.
Todos coincidiron en sinalar que para facer da Mariña unha comarca máis competitiva é preciso mellorar as infraestruturas. Avogaron pola necesaria posta en marcha da autovía A-74 e por un servizo de transporte público (autobús e tren) que permita moverse de xeito cómodo pola comarca para poder achegarse ao Hospital Público da Mariña, aos centros de ensino ou para facer turismo, por poñer só uns exemplos.
No Foro da FCAM participaron: Marcos Salgueiro, director xerente de Frigomar e presidente de Adexmar; Amador García, propietario de Transportes Paraíso; Beatriz Trigo, dinamizadora da relación con empresa na FP na Mariña; Camilo Vázquez, técnico de emerxencias, enfermeiro e formador; e José Martínez, usuario e membro da plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo. A cita foi moderada pola xornalista e presidenta da FCAM, Carmen Cruzado.
Marcos Salgueiro dixo que “na Mariña temos moitas cousas boas cunha carencia que necesitamos salvar: se a Mariña quere medrar no ámbito empresarial e ser atractiva para que os estudantes poidan estar aquí e poidan ter un futuro, necesitamos mellorar as infraestruturas. Temos un illamento xeográfico, polo propio enclave onde estamos, pero ten que axudarnos a infraestrutura para que, polo menos, sexa máis levadeiro ese distanciamento con respecto ás cidades”.
José Martínez subliñou que “o imporante sería optimizar os recursos e unha xestión razoable. Planificar, por que aquí o que falta, e falo a nivel estatal incluso, é unha planificación a medio largo prazo, porque téndese a mirar no corto prazo e moitas veces quedan os proxectos en nada como case queda a A-74, despois de máis de vinte anos. É necesaria unha planificación a medio longo prazo, tendo en conta as necesidades de cada territorio, de transporte, de comunicacións e vendo tamén cara onde vamos ir nun futuro, porque a maioría da poboación está nos 60 e pico anos, de momento moitos conducen, pero haberá un momento no que non o fagan e ¿cómo van estar tamén as infraestruturas para os que veñan detrás? E tamén cabe preguntarse ¿queremos vivir só dunha empresa que o día que decida marchar, que esperemos que non, pois nos deixe mirando para o ceo?.
Amador García demandou “recursos, feitos e diñeiro”. Para Beatriz Trigo “é preciso pensar na xente, na futura man de obra e intentar organizar para que todo teña un obxectivo claro e que se consiga que a xente nova non se vaia da Mariña, que se quede. As empresas piden moita man de obra e non hai, a xente marcha, e a algunha faino por isto, polas carencias en transportes e en infraestruturas”.
Camilo Vázquez considera que “unhas boas infraestruturas significarían vida. Por desgraza, as patoloxías agora estannos atacando a persoas moito máis xoves e non é mesmo chegar en 45 minutos a un hospital de segunda categoría ou de terceira, como pode ser Lugo, con todas as especialidades, que tardar unha hora e cuarto ou unha hora e vinte. Nos viaxamos por autovía, por seguridade, aínda que todos os libros din que empregues a ruta máis corta, máis rápida e máis segura, por seguridade escollemos a autovía”. E pensa que “si se melloran as infraestruturas haberá profesionais que poidan vir traballar, co que recuperaremos os servizos que desgraciadamente, se non se mellora, vanse pechar”.
O xerente de Frigomar e o propietario de Transportes Paraíso aludiron aos custes que deben afrontar as empresas para mover as súas mercancías desde a Mariña, porque esta zona queda fora de todas as rutas establecidas. O portavoz da Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo contou que o servizo mellorou un pouco nas últimas semanas coa presenza de máis interventores, pero aposta pola súa adaptación ás necesidades da poboación da Mariña.
A dinamizadora da relación con empresas na FP na Mariña contou as longas xornadas ás que deben enfrontarse rapaces de Ribadeo que queiran estudar en Burela ou viceversa e que por mor da falla dun transporte público axeitado poden chegar a pasar ata 12 horas fora da casa, se o que fan é empregar os servizos existentes neste momento. E o técnico de emerxencias deu conta das dificultades que lle supón a unha ambulancia medicalizada transitar pola estrada da costa en horas punta a diario e en datas de grande afluencia de vehículos como poden ser a Semana Santa e o verán.
O alcalde de Foz e deputado provincial, Fran Cajoto, asistiu a este evento de A Mariña Federación.