O Sindicato Labrego Galego reúnese co director do AGACAL para tratar medidas de apoio ás persoas produtoras de faba
Dende o SLG realizaron varias propostas concretas de axudas que a Xunta de Galicia podería activar para que as importantes perdas na colleita deste ano non impliquen un golpe que deixe polo camiño ducias de produtoras e produtores.
“En primeiro termo propoñemos que a Consellería do Medio Rural, se é posible da man do Principado de Asturias, defenda en Madrid unha axuda asociada para a faba na PAC suficiente. Achegamos ao director do AGACAL documentación na que se demostra que hai axudas deste tipo de 1.500, 1.300 euros/ha en varios países, por exemplo en Francia”.
“Deixámoslle tamén o borrador da axuda agroambiental para a faba de 635 euros/hectárea que saca xa este ano Asturias. En Galicia para este ano van tarde. Quedaron de estudalo para o ano”.
“Solicitamos tamén unha axuda de crise con fondos propios. En Asturias saíron diferentes novas sobre as contías (3.000 euros/ha, cubrir o 40 por cento da produción…), pero sengundo nos dixeron no AGACAL, en Galicia inda o están a mirar. Comentaron que noutras reunións lles dixeran que vían moi ben o dos créditos, agardemos que non quede nunha miseria de axuda aos intereses. Se ben están coa idea de quitalo só para os 19 da IXP, dende o SLG propuxémoslle que fose para as persoas produtoras de faba”.
No tocante a enfermidades e investigación, desde o SLG “salientamos que o noso interese fundamental actual está nas enfermidades que están afectando hoxe ao cultivo e nas materias activas e ferramentas que se poden ter nesta campaña para combatelas, así como no carácter urxente deste traballo. Dende o Agacal, comentáronnos duns campos de ensaio en Pedro Murias (marco de plantación, rotacións…), nos que tamén se está a facer traballo con enfermidades”.
Con respecto a que facer ca faba manchada, partir da interlocución co presidente da IXP, dende o AGACAL están valorando facer un proxecto de investigación para ver que facer coa faba manchada. “Preguntámoslle máis por isto e Martín Alemparte falou de que se estaba valorando produtos como o humus…”.
Tamén se está estudando realizar cambios no regulamento da IXP para dar cabida á faba fresca e verdiña, entre outras.
Ante a nosa crítica pola demora da Xunta de Galicia á hora de tomar medidas para abordar esta crise no sector produtor de faba, o argumento do AGACAL foi que recibiron a petición de entrevista do Presidente da IXP en xaneiro. Sen embargo, na xuntanza había produtoras que xa lles trasladaran as enormes perdas que se vían na produción de faba a Extensión Agraria e ao propio Agacal en outubro pasado, tamén foron abondosas as novas na prensa, e dende o SLG pedímoslles unha entrevista xa no mes de decembro…
“Logo de manter esta xuntanza, a nosa valoración é que de momento non temos medidas claras e veremos en que se concreta -se se concreta nalgo-, nos próximos días”.