“A poboación está cada vez máis preocupada pola restrición do dereito á atención sanitaria na comarca e demanda solucións”
Ante este deterioro intencionado dos servizos sanitarios operado polo Partido Popular de Galicia nestes últimos anos, que abarca todo o país e cuxa dimensión estratéxica en aras da privatización da atención sanitaria foi eficazmente recollida no documental “DEP, Destruír é o Plan” de SOS Sanidade Pública, a Plataforma na defensa da Sanidade da Mariña -da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) forma parte- convoca este domingo, 23 de marzo, unha manifestación en demanda dunha sanidade universal, gratuíta, equitativa, de proximidade e de calidade.
Dende o SLG animamos a toda a nosa afiliación, así como a toda a cidadanía en xeral, a sumarse a esta convocatoria baixo o lema “Pola Resurrección da Nosa Sanidade”, que remite á vontade de recuperar os estándares de calidade de atención sanitaria aos que si podiamos acceder fai apenas uns anos, antes do recrudecemento dos recortes e depauperación dos centros de saúde públicos a favor dos privados, operados pola Xunta ao servizo das políticas neoliberais do Partido Popular de Galicia.
A manifestación partirá ás 12:00 horas da Cruz Vermella de Viveiro, atravesará a Ponte da Misericordia e rematará diante do Centro de Saúde.