“A poboación está cada vez máis preocupada pola restrición do dereito á atención sanitaria na comarca e demanda solucións”
A Mariña, 20 de Marzo 2025. Unha crecente preocupación vense estendendo entre as persoas que viven na comarca da Mariña ante a imposibilidade de ter garanƟda unha atención sanitaria solvente. A ausencia de médicos de familia e pediatras nos centros de saúde da comarca, a falta de médicxs especialistas no hospital da Mariña, as dilatadas listas de agarda e as cada vez máis numerosas derivacións cara Lugo están a provocar que unha patente intranquilidade e angustia entre a veciñanza, consciente de que no caso dun accidente ou doenzas graves súbitas as posibilidades de conseguir unha atención sanitaria que garanta un desenlace positivo son cada vez máis limitadas.
Ante este deterioro intencionado dos servizos sanitarios operado polo Partido Popular de Galicia nestes últimos anos, que abarca todo o país e cuxa dimensión estratéxica en aras da privatización da atención sanitaria foi eficazmente recollida no documental “DEP, Destruír é o Plan” de SOS Sanidade Pública, a Plataforma na defensa da Sanidade da Mariña -da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) forma parte- convoca este domingo, 23 de marzo, unha manifestación en demanda dunha sanidade universal, gratuíta, equitativa, de proximidade e de calidade.
Dende o SLG animamos a toda a nosa afiliación, así como a toda a cidadanía en xeral, a sumarse a esta convocatoria baixo o lema “Pola Resurrección da Nosa Sanidade”, que remite á vontade de recuperar os estándares de calidade de atención sanitaria aos que si podiamos acceder fai apenas uns anos, antes do recrudecemento dos recortes e depauperación dos centros de saúde públicos a favor dos privados, operados pola Xunta ao servizo das políticas neoliberais do Partido Popular de Galicia.
A manifestación partirá ás 12:00 horas da Cruz Vermella de Viveiro, atravesará a Ponte da Misericordia e rematará diante do Centro de Saúde.