A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases deste programa formativo, que achega as novas xeracións ao sector primario
O deputado Daniel García informou da aprobación esta mañá, na Xunta de Goberno, das bases do programa, que dobra o investimento con respecto a pasada edición e que amplía un ano máis a súa oferta formativa, con 45 granxas involucradas,dez máis que na última edición, repartidas por toda a provincia e dedicadas a actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.
Daniel García explicou que “seguimos reforzando este programa que ano a ano conta cunha gran acollida por parte das Anpas e colexios pero tamén das gandeirías, producións agrícolas e en xeral iniciativas de emprendemento no rural que ven nel unha oportunidade para dar a coñecer o seu traballo, os produtos que elaboran e o patrimonio natural da súa contorna”.
Nese sentido, o deputado destacou “a incorporación das novas granxas, a maioría delas proxectos familiares, que teñen en común a aposta pola diversificación produtiva e pola produción ecolóxica”
Solicitudes
A convocatoria publicarase o vindeiro xoves 20 de marzo no Boletín Oficial da Provincia, abríndose daquela o prazo de solicitude para as Anpas de centros escolares públicos de infantil e primaria.