A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases deste programa formativo, que achega as novas xeracións ao sector primario
Lugo, 14 de marzo de 2025. Rural da Vicepresidencia da Deputación prepara a cuarta edición do programa de actividades formativas en granxas e producións agroalimentarias do rural Da escola á granxa, que contará cun orzamento de 200.000 euros.
O deputado Daniel García informou da aprobación esta mañá, na Xunta de Goberno, das bases do programa, que dobra o investimento con respecto a pasada edición e que amplía un ano máis a súa oferta formativa, con 45 granxas involucradas,dez máis que na última edición, repartidas por toda a provincia e dedicadas a actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.
Daniel García explicou que “seguimos reforzando este programa que ano a ano conta cunha gran acollida por parte das Anpas e colexios pero tamén das gandeirías, producións agrícolas e en xeral iniciativas de emprendemento no rural que ven nel unha oportunidade para dar a coñecer o seu traballo, os produtos que elaboran e o patrimonio natural da súa contorna”.
Nese sentido, o deputado destacou “a incorporación das novas granxas, a maioría delas proxectos familiares, que teñen en común a aposta pola diversificación produtiva e pola produción ecolóxica”
Solicitudes
A convocatoria publicarase o vindeiro xoves 20 de marzo no Boletín Oficial da Provincia, abríndose daquela o prazo de solicitude para as Anpas de centros escolares públicos de infantil e primaria.