José Tomé Roca inaugurou este venres as II Xornadas Feministas = Igualdade que poñen o broche final as actividades promovidas pola institución provincial ao longo deste mes de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller
Lugo, 28 de marzo de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres as II Xornadas Feministas = Igualdade, quepoñen o broche final as actividades promovidas pola institución provincial ao longo deste mes de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller. Numeroso público asistiu ao Pazo de San Marcos para seguir a charla entre os que destacan a presenza de membros da Corporación provincial, alcaldes e alcaldesas e concelleiras, así como veciños e veciñas da provincia e unha nutrida representación de alumnado de institutos lucenses.
Durante o acto inaugural, José Tomé subliñou que estas xornadas teñen como claro obxectivo “chegar á mocidade, implicala e facer que participe activamente na construción dunha sociedade máis igualitaria”. Afirmou que “se queremos cambiar as cousas, temos que comezar pola base: a educación, a conciencia crítica e a implicación das novas xeracións”.
“A igualdade non é unha utopía, nin tampouco algo que poidamos relegar unicamente a datas sinaladas no calendario. É un traballo diario, que debe estar presente en todos os espazos, en todas as políticas e en todas as decisións que tomemos como administracións públicas, como sociedade e como individuos”, recalcou o mandatario provincial. Neste sentido, explicou que a Deputación de Lugo asume a igualdade como unha política transversal que guía todas as accións da institución, indicando que “non hai avance real sen igualdade”.
O Presidente puxo en valor que os valores feministas non deben ser percibidos como algo alleo ou como un debate exclusivo dunha parte da sociedade, senón como unha loita colectiva. “A igualdade é de todos e todas. O feminismo non é un movemento contra ninguén, senón unha loita a favor de toda a sociedade”, afirmou. Así mesmo, destacou que cando se avanza en igualdade, “gañamos todas e todos”, facendo fincapé na importancia de seguir traballando na educación, na prevención da violencia de xénero, na visibilización das desigualdades que aínda existen e na creación de oportunidades reais para todas as persoas, independentemente do seu xénero.
Neste senso, José Tomé incidiu en que a mocidade xoga un papel clave neste proceso de transformación social, “dado que son eles e elas quen poden romper cos roles de xénero e cos estereotipos que aínda persisten na sociedade”, e engadiu “teñen o poder de liderar o cambio e promover unha sociedade máis igualitaria”.
Rematou o Presidente agradecendo á área de Muller e Igualdade da institución provincial por organizar estas xornadas protagonizadas por mulleres de primeiro nivel e referentes en distintos ámbito, das que dixo estar seguro que servirán “para seguir avanzando e traballando na educación, na prevención da violencia de xénero, na visibilización das desigualdades que aínda existen e na creación de oportunidades reais para todas as persoas, independentemente do seu xénero”.
Unha xornada para avanzar na igualdade
A Deputada de Muller e Igualdade, MarisolMorandeira, clausurará a xornada que ten como obxectivo avanzar na igualdade a través dun espazo de debate e reflexión para sensibilizar á sociedade, cun foco especial na mocidade, sobre a importancia da igualdade de xénero e a necesidade de ofrecer unha perspectiva feminista na sociedade actual. A xornada busca visibilizar os retos que aínda existen no camiño cara á igualdade, abordando temas como a desinformación, o machismo estrutural e a necesidade de empoderar ás novas xeracións.
O primeiro relatorio correu a cargo das creadoras de contido TowandaRebels, un colectivo de creadoras madrileñas, son coñecidas pola súa capacidade para desmantelar discursos machistas e sexistas nas redes sociais. No seu relatorio, A Igualdade fronte á desinformación e as loiadas, abordarán a importancia de identificar e combater a desinformación e as falacias que afectan á igualdade de xénero, sobre todo nas plataformas dixitais, onde circulan moitas veces narrativas que crean estereotipos e desigualdades.
Seguidamente, Cristina Louzán e Priscila Retamozo, de PRISMA Expertas en Igualdade, tomarán a palabra para falar sobre Hackeando ao machismo. PRISMA é un colectivo de feministas e expertas en igualdade que traballan en diversas áreas para promover a xustiza de xénero e a erradicación do machismo nas estruturas sociais. Cristina Louzán e Priscila Retamozo son recoñecidas por súa capacidade para identificar e cuestionar as estruturas de poder que perpetúan a discriminación de xénero. O seu relatorio analizará as formas en que o machismo se infiltra nas diferentes esferas sociais, desde a política ata a cultura popular, e como as novas tecnoloxías e as ferramentas dixitais poden ser utilizadas para desactivar esas dinámicas patriarcais.
Pechará a xornada a actriz Jazmín Abuín co monólogo Riquiña!, unha proposta artística que combina humor, crítica social e unha reflexión profunda sobre as expectativas impostas ás mulleres na sociedade actual. Jazmín Abuín, actriz e humorista, emprega o monólogo como unha ferramenta de empoderamento e denuncia, abordando temas como a violencia machista, a presión estética e as expectativas sociais. O seu monólogo promete ofrecer unha perspectiva fresca e divertida sobre os estereotipos de xénero e as contradicións das normativas sociais impostas ás mulleres.