O FIV de Vilalba contará con dous escenarios, un situado no Campo da Feira e outro na Praza do Concello. Nesta edición actuarán artistas como Shinova, León Benavente, The Rapants ou Galician Army
Sobre esta cita, que terá lugar neste municipio o 25 e o 26 de abril, José Tomé sinalou que “desde a institución provincial queremos impulsar este evento cultural, que se vén celebrando desde o ano 2008, porque estamos a falar dunha cita completamente consolidada no panorama musical da comarca da Terra Chá e de todo o conxunto da provincia”.
Así mesmo, o mandatario provincial fixo especial fincapé en que “apoiar este festival de primeiro nivel é tamén unha gran oportunidade para promocionar e dar a coñecer o noso territorio. Durante toda a fin de semana, o número de habitantes do municipio chega case a duplicarse o que repercute directamente no tecido económico de Vilalba”. Nesta liña, José Tomé destacou que se estima un retorno económico de case 1M€.
Pola súa banda, Marta Rouco agradeceu o apoio da institución provincial e convidou a todos os veciños e veciñas a achegarse o último fin de semana de abril ata Vilalba “para desfrutar da música máis actual da man de artistas de renome como Shinova, León Benavente, Varry Brava ou The Rapants”. Sobre o impacto económico desta cita, a Alcaldesa subliñou que “xa hai vendidas máis de 1.500 entradas por día e a taxa de ocupación hoteleira é do 100%”.
Programa FIV 2025
O venres, 25 de abril actuarán no escenario Vibra Mahou situado no Campo da Feira: Varry Brava, The Rapants, Joe Crepúsculo, Adrian Timms, Galician Army, Rapariga DJ.
O sábado, 26 de abril tocarán no escenario Vibra Mahou Shinova, León Benavente Cycle, Leria, Juancasupersub DJ Set e Rapariga DJ. Por outra banda, no escenario #Fiver, que estará colocado na Praza do Concello, actuarán: Hydn, a banda de música de Vilalba, Grande Osso e o Karaoke FIV Stars.