Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG celebra o avance no obxectivo de que España rebaixe o nivel de protección do lobo e garantir así o equilibrio no medio rural

O eurodeputado Adrián Vázquez destaca que España se situaría así na mesma liña que Europa no que se refire á defensa do equilibrio entre a conservación desta especie e a garantía de futuro do sector gandeiro

Lugo, 15 de marzo de 2025. O PP de Galicia celebra que, grazas ao traballo dos populares, estea cada vez máis cerca o obxectivo de conseguir que España rebaixe o nivel de protección do lobo a través da exclusión desta especie do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre) e do Catálogo español de especies ameazadas, garantindo así o equilibrio no medio rural.

Un gran avance que se acadou esta semana logo de que o Senado aprobase as emendas dos populares á lei de desperdicio alimentario e nas que o partido incluíu esta reiterada reivindicación das comunidades lobeiras e do sector gandeiro.

Non obstante, lamentan desde o PPdeG, as emendas contaron co voto en contra tanto dos senadores galegos do PSOE como da representante do BNG, que “en Galicia din defender o medio rural, pero en Madrid fan todo o contrario”.

Agora, as emendas deberán ser ratificadas o próximo xoves no debate do proxecto de lei no Congreso dos Deputados e, no caso de que os partidos que as apoiaron no Senado manteñan a coherencia do seu voto na Cámara Baixa, isto suporá a saída inmediata e definitiva do lobo do Lespre.

O GOBERNO DE ESPAÑA NON ATENDEU O MANDATO DE EUROPA

Deste xeito, tal e como destaca o eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez, España situaríase na mesma liña que Europa no que se refire á defensa do equilibrio entre a conservación desta especie e a garantía de futuro do sector gandeiro.

Recorda neste sentido que Bruxelas “cambiou as regras de xogo” para avanzar no control cinexético do lobo “outorgando aos Estados membros liberdade para decidir como manexar as superpoboacións desta especie que tantos problemas está a causar aos nosos gandeiros”. Algo que nunca fixo o Goberno de España, que desde 2021 outorga ao lobo a categoría de especie especialmente protexida.

Trátase dun nivel de protección que, tal e como denuncia, está “frustrando o esforzo diario de quen sofre os seus ataques e ve minguados os seus gandos”, un extremo que se pode comprobar no caso de Galicia, que é unha das comunidades máis afectadas e onde o sector gandeiro leva anos pedindo solucións.

“Ninguén cuestiona que o lobo deba ser protexido, pero tampouco debería cuestionarse que é imprescindible garantir un control efectivo da súa poboación para frear os danos que está provocando”, explica incidindo en que, co novo marco europeo e cos avances lexislativos acadados polo Partido Popular, España ten agora a oportunidade de equilibrar a conservación do lobo e a supervivencia dun sector gandeiro “que xa non aguanta máis abandono”.

Exit mobile version