Os populares piden “responsabilidade” ao Goberno central e indican que agora o futuro da planta e os 2.500 postos de traballo que se xerarían na provincia de Lugo dependen de que se resolva a conexión eléctrica e se habiliten as axudas á implantación desta iniciativa como a calquera outro proxecto no resto de comunidades autónomas
Lugo, 14 de marzo de 2025. No Partido Popular da provincia de Lugo valoran “positivamente” a Declaración de Impacto Ambiental favorable ao proxecto de Altri en Palas de Rei, así como piden “respecto para o traballo obxectivo” realizado polos técnicos de todas as administracións implicadas.
Dende o PP de Lugo defenden o traballo realizado polos técnicos da Xunta de Galicia, do Ministerio, das Deputacións e Concellos afectados, que demostra que “os proxectos que cumpren coa normativa ambiental galega, que é da máxima esixencia, poden instalarse no territorio”, unha máxima que no Partido Popular “se defendeu en todo momento, avaliando así o traballo dos técnicos, que serían os que determinasen a viabilidade do proxecto de Altri, sen sucumbir a presións”.
Neste senso, “estamos seguros que Xunta de Galicia vai velar por que a empresa cumpra todas as condicións que establece a DIA, que non é unha folla en branco, senón todo o contrario, xa que esixe ao promotor a adopción de múltiples medidas para garantir a compatibilidade ambiental do proxecto e unha vixilancia constante”.
Dende o PP de Lugo tamén sinalan que o Goberno do Estado tamén ten a súa responsabilidade e “non pode seguir de perfil” ao “estar nas súas mans” que Altri dispoña dos fondos e a conexión á rede eléctrica necesarios para poder iniciar a súa actividade.
“Os 2.500 postos de traballo na provincia de Lugo dependen da responsabilidade e coherencia do Goberno central, que debe de tratar a Galicia como ao resto de comunidades autónomas e ás súas iniciativas empresariais”.