Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama ao Goberno de Sánchez o pagamento da débeda en materia de dependencia “que alcanza os 304 M€ na provincia de Lugo”

Elena Candia presidiu unha reunión con Fabiola García na que participaron alcaldes e portavoces dos municipios da provincia

Lugo, 26 de marzo de 2025. O PP lucense defende a “xusta e urxente” reivindicación para que o Goberno de España “pague de inmediato a Galicia a débeda de máis de 2.500M€ que acumula por non achegar a totalidade da parte que lle corresponde financiar do Sistema de Atención á Dependencia”. Así, tamén condena que “o PSOE votara en contra e o BNG se abstivera no pleno do pasado mes de febreiro na Deputación de Lugo ante esta proposta do Grupo Popular”.

Elena Candia presidiu unha reunión na que a responsable de Política Social do Goberno galego, Fabiola García, analizou con alcaldes, portavoces e concelleiros as consecuencias do incumprimento do Goberno de Sánchez de achegar o 50% do financiamento que lle esixe especificamente a Lei de Dependencia de 2006. “A Xunta e os Concellos tiveron que adiantar fondos e aínda así o PSOE ponse do lado de Sánchez e o BNG mantense de perfil”, valoran os populares.

As cantidades pendentes de dependencia por parte do Executivo nacional no que se refire á provincia de Lugo alcanzan os 304 M€. Pero, ademais desta débeda derivada do incumprimento por parte do Estado; o Goberno de España rebaixou nos últimos anos aínda máis a súa achega a Galicia: no 2023 pagou só o 40% desta prestación e no 2024 só o 34,9%.

Os populares advirten, ademais, que as perspectivas para o presente 2025, se por segundo ano consecutivo non haberá Presupuestos Generales del Estado como consecuencia das políticas e pactos do PSOE en Madrid, aínda son peores; polo que “tememos outra baixada no pago da dependencia co conseguinte prexuízo para os galegos en xeral e os lucenses en particular”.

INFRAFINANCIAMENTO DO ESTADO VS. MEDIDAS DA XUNTA

O financiamento da dependencia é imprescindible polas condicións da nosa comunidade, que é a segunda máis envellecida de España e ten a terceira ratio de dependencia máis elevada.

Os populares amosaron o seu malestar ante o “infrafinanciamento” ao que o Goberno de Sánchez somete ao noso territorio “nun asunto tan serio e sensible como é a atención aos nosos maiores e dependentes”, como considera Candia.

Por outra banda, puxo en valor as prestacións impulsadas pola Xunta de Galicia nesta materia, incluso con solucións novidosas como o Bono Coidado no Fogar, dotado con 5.000 euros, a axuda por praza de residencia, centro de día ou coidador, que alcanza os 1.200 euros, ou o plan de choque dotado con 90 millóns para aprobar a resolución de axudas nun prazo máximo de seis meses. “Todo o moito e bo que se fai en Galicia aínda podería ser máis e mellor se o Goberno de España pagase a cantidade millonaria que nos debe”.

DISCRIMINACIÓN A GALICIA E A LUGO

O PP da provincia vén denunciando de forma reiterada a discriminación e o abandono por parte do Goberno de Sánchez especialmente en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias; pero tamén con outras decisións que prexudican a Galicia e a Lugo como a quita da débeda -en Galicia é inferior á estatal, polo que suporía asumir preto de 600 M€ máis de débeda, 220 euros máis por habitante- ou o incumprimento do cofinanciamento ao 50% da dependencia que se pode agravar ao non aprobar os PGE para este ano.

Exit mobile version