A presidenta provincial, Elena Candia, e os deputados nacionais, senadores, deputados autonómicos, alcaldes e portavoces mantiveron un encontro na Cruz da Cancela con gandeiros e gandeiras da zona afectados polos ataques desta especie
Mondoñedo, 22 de marzo de 2025. O PP lucense defende a política como “instrumento útil” trala retirada do lobo da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (LESRPE), unha reivindicación do sector “como confirma a cantidade de gandeiros e gandeiras que hoxe nos acompañan na Cruz da Cancela”, segundo sinalou a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, que participou no encontro xunto a deputados nacionais, senadores, deputados autonómicos, alcaldes e portavoces da zona.
Candia subliñou que “a capacidade de consenso do Partido Popular” conseguiu “frear algo que era prexudicial para o sector agrogandeiro, especialmente para a gandería en extensivo e para as persoas que apostan por vivir e traballar en lugares coma este”.
No marco do encontro con gandeiros e gandeiras afectadas por ataques de lobo aos animais das súas explotacións; o deputado lucense no Congreso, Francisco Conde, destacou a importancia de conseguir este obxectivo “que levabamos catro anos reivindicando en conxunto co sector agrogandeiro. Temos que agradecerlles que confiara en nós”. Así, “hoxe podemos compartir a noticia de que se reverteu unha situación que prexudica aos gandeiros e gandeiras”.
Conde subliñou tamén que esta medida permite avanzar cara ao equilibrio: “a protección necesaria da especie, pero tamén do desenvolvemento da actividade gandeira”. Polo que agarda que “se respecte por parte do PSOE e do BNG esta decisión adoptada no Congreso para volver á situación de equilibrio de protección do lobo e a actividade agrogandeira”.
E lembrou que “a Xunta dende o primeiro momento intentou que non se introducira o lobo nesta listaxe”, pero o Goberno de España adoptou esa decisión no 2021 de forma unilateral e sen avais técnicos.
A saída do lobo da LESRPE queda aprobada definitivamente co apoio maioritario no Congreso á proposta do Partido Popular e despois de pasar xa polo Senado onde se aprobara tamén a semana pasada.
Os gandeiros e gandeiras confirmaron “ataques continuos” aos seus animais, especialmente crías: “atopámonos poldros mortos tódolos días”. De feito, explican que “xa non hai poldros” e, polo tanto, non hai relevo. “Neste momento, o lobo está demasiado estendido”. Incluso lembraron un ataque recente en Mondoñedo: “no Couto, no medio das casas, a semana pasada matou 6 ovellas”.
No ano 2024 a provincia de Lugo rexistrou máis de 1.000 avisos de ataques e contabilizáronse máis de 1.000 reses afectadas do total de máis de 2.000 avisos en Galicia e dos máis de 3.000 animais que sufriron ataques. É dicir, 1 de cada 3 animais afectados en Galicia era da provincia de Lugo.
CANDIA: “O CAMBIO ENTRE O SI E O NON DO PSOE E O BNG A ALTRI FORON AS PASADAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS”
Elena Candia quixo enviar unha “mensaxe de confianza e tranquilidade” en relación ao proxecto da biofábrica de Altri: “Son 34 informes realizados por 42 técnicos que avalan os requisitos medioambientais a esta industria”. Ademais, trasladan ao promotor “máis de 60 requisitos para garantir o cumprimento normativa en materia ambiental”.
A presidenta do PP da provincia preguntouse cal foi o motivo do “cambio de criterio de PSOE e BNG” que, incluso, “reclamaban que este proxecto se implantara na Mariña. O que pasou entre o si e o non foron as pasadas eleccións autonómicas”.
Candia reivindicou “o dereito a implantar industria e xerar emprego na provincia”, tal e como “nos pediron os galegos nas pasadas eleccións autonómicas co 54% de apoio”. E engadiu “queremos apostar porque a mocidade teña oportunidade de traballar na provincia, defendemos os proxectos e promotores que invistan na provincia. E non vai a ser a costa de incumprimentos medioambientais”, remarcou.
A popular subliñou que “seguiremos traballando para que Lugo sexa un territorio de oportunidades e o noso proxecto político, igual que dicía antes das eleccións, segue dicindo si a Altri, un proxecto garantido medioambientalmente e que pechará o ciclo nun sector importantísimo na nosa provincia”.