Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP logra a unanimidade do pleno á súa proposta para adherirse á rede de Concellos Emprendedores, unha iniciativa para “dinamizar Burela”

O programa contempla beneficios fiscais para favorecer a implantación de empresas no municipio e supón unha discriminación positiva para o Concello nas liñas de axuda da Xunta en réxime de concorrencia competitiva

Burela, 28 de marzo de 2025. Os concelleiros do PP de Burela conseguiron no pleno deste xoves no Concello de Burela que o goberno local bipartito se posicionara a favor dunha das iniciativas para dinamizar Burela: que o Concello se adherira á rede de Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia.

Trátase dunha proposta que “xa defendéramos noutra ocasión e que, daquela, fora rexeitada polo pleno da corporación”. Coa implantación desta iniciativa “os veciños e veciñas de Burela terán a posibilidade de beneficiarse de bonificacións ou rebaixas no imposto de actividades económicas (IA), no imposto de bens inmobles (IBI) ou de construcións (ICIO) de ata o 95% e o Concello terá posición preferente á hora de acudir ás axudas de concorrencia competitiva da Xunta de Galicia”.

Os populares lograron a unanimidade despois de aceptar a petición do grupo socialista para retirar parte da exposición de motivos nas que se facía referencia ao abandono do goberno municipal ante o peche de negocios e a suba da taxa do paro en Burela.

Co obxectivo de aprobar unha iniciativa positiva para Burela, “nos non tivemos problema”, segundo sinala o portavoz, Manuel Rouco. Con todo, indica que “o PSOE pretende enganarse a si mesmo”, pero “calquera pode comprobar no Servizo Público de Emprego ou no INE que a taxa de paro en Burela é a máis alta de toda a Mariña e que no que vai de mandato pecharon 74 negocios no municipio”.

Rouco especifica que “a taxa de paro xa era o ano pasado a máis alta da Mariña -en conxunto con Viveiro- e este ano lidera o ránking en solitario. De feito, Burela duplica ao segundo concello no que máis subiu. En Burela hai 41 parados máis no primeiro trimestre do presente ano”.

Por outra banda, dende que comezou a gobernar a señora López Moreno, “pecharon 74 locais, empresas ou comercios. Concretamente do sector da hostalería e do comercio pecharon 30. Se estes non abriran neste último ano estariamos falando dunha cifra de preto de 100 locais os que estarían pechados agora mesmo en Burela”. É dicir, “no actual mandato destruíuse emprego e actividade económica segundo estes datos obxectivos”.

Exit mobile version