Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP incide na necesidade de que A Mariña conte co FEVE gratuíto

Os deputados lucenses do Partido Popular – Jaime de Olano, Francisco Conde e Cristina Abades – requiriron unha aclaración ao Goberno central sobre os motivos polos que “os galegos pagamos por este servizo, mentres que en Asturias e Cantabria é gratuíto”

Lugo, 11 de marzo de 2025. Os deputados do PP lucense no Congreso – Jaime de Olano, Francisco Conde e Cristina Abades – lamentan “a discriminación” que o Goberno do Estado segue a realizar cos galegos, en especial cos veciños da Mariña, ao “negar a gratuidade do FEVE, mentres en Asturias e Cantabria disfrutan da gratuidade nos abonos”.

Os deputados do PP lucense no Congreso requiriron unha aclaración do Goberno de Pedro Sánchez sobre os motivos polos que en Galicia o servicio non é gratuíto e en Asturias e Cantabria si, e a resposta dada incide “na falta de interese por parte do Goberno central por corrixir esta situación”.

Os deputados lucenses chaman a atención sobre esta situación que vén dada pola compensación por parte do Estado a Asturias e Cantabria polo atraso na entrega de material rodante previsto para o ano 2023. A pesar de que esta situación afecta directamente á liña ao seu paso por Lugo e A Coruña, “Galicia non conta con esa mesma medida de compensación por parte do Goberno de Sánchez”.

“Mentres noutras comunidades disfrutan da gratuidade do servizo, en Galicia non. É de xustiza o trato igualitario, ademais de que se realicen as melloras necesarias nesta infraestrutura”, explicaron.

Urxe outorgar a Galicia as mesmas medidas compensatorias para Asturias e Cantabria para minimizar os prexuízos derivados do atraso na renovación dos trens da liña ferroviaria de ancho métrico que operan na nosa comunidade e que aseguran aos usuarios a gratuidade do servizo ata a entrega das unidades de trens pendentes no contrato en curso.

CONSTANTES AGRAVIOS

Os deputados do PP lucense recordan os “numerosos agravios que sofre Galicia, especialmente a provincia de Lugo e A Mariña, agravios que contan co beneplácito dos socialistas galegos e o BNG, que permiten estas situacións en lugar de defender a Galicia”.

“É unha mágoa que os socialistas galegos non aproveitasen a visita de Pedro Sánchez a Galicia para reclamarlle o mesmo trato para os galegos que o que teñen asturianos e cántabros”, sinalaron.

Exit mobile version