Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe á alcaldesa de Burela “políticas reais e activas para fomentar o emprego en lugar de luces e fogos de artificio que non teñen resultado algún”

Dende o PP de Burela amosáronse moi preocupados ante os datos de desemprego do municipio e a falta de plans de acción do goberno local para reverter esta situación

Burela, 15 de marzo de 2025. Os concelleiros do PP de Burela amosáronse “moi preocupados” pola “constante improvisación” da que non para de dar mostras a señora López Moreno á hora de gobernar.

Dende o PP de Burela “non podemos máis que preocuparnos pola constante improvisación, o que denota unha ausencia total de proxecto para o municipio”.

Os concelleiros populares poñen como exemplo a información publicada en diferentes medios de comunicación, nos que a alcaldesa “quería dar a coñecer a labor dos servizos de orientación laboral municipais, como se ata agora non se coñeceran, e senón que llo digan aos veciños e veciñas que acoden a eles durante todo o ano”.

No PP de Burela lembran que hai poucas semanas “coñecemos, tamén a través dos medios de comunicación, que Burela lidera a taxa de incremento de paro na Mariña, polo que lle preguntamos cales foron as políticas activas levadas a cabo pola señora López Moreno ata agora”.

Os populares sinalan que a reposta “é sinxela: non existiron”.

Agora, a preocupación é importante entre os concelleiros do PP de Burela porque “tendo en conta o incremento de poboación que experimentará Burela as cifras poden ser peores nas vindeiras semanas”.

Ante un posible incremento da taxa de paro en Burela nos vindeiros meses, agora é cando o goberno municipal se acorda de tentar facer ver que fixeron algo neste sentido.

No PP de Burela sinalan que “o que están a facer dende o goberno local é tratar de copiar fórmulas desenvolvidas por concellos veciños, como o de Xove, esquecendo que estas iniciativas teñen que ir da man de políticas activas de fomento do emprego”, algo para o que é necesario impulsar, dende o Concello de Burela, “propostas como as que defendemos no pleno municipal dende o PP, que falaban, entre outras cousas, de poñer en marcha campañas de fomento da contratación de burelaos nas nosas empresas así como incentivar o autoemprego”.

Ademais, os concelleiros populares ven necesario “buscar fórmulas dende o Concello de Burela para revitalizar o municipio, co asentamento de novas iniciativas para poñer solución a desanxelada imaxe das nosas rúas, nas que non paran de verse locais con carteis de ‘véndese ou alúgase’”.

Os concelleiros populares fan fincapé en que “todas as iniciativas que levamos ao pleno foron rexeitadas por parte do goberno local”.

MÍNIMO INVESTIMENTO POR PARTE DO GOBERNO LOCAL

Dende o PP de Burela tamén ven moi preocupante a publicación realizada no último trimestre do ano pasado, na que se indicaba que o anterior goberno municipal burelao, do que formou parte a actual alcaldesa, foi o décimo en investimentos da Mariña, por detrás de concellos como Barreiros, Ourol ou O Vicedo, e lonxe de outros como Ribadeo, Viveiro ou Foz.

“Tendo en conta que no actual mandato o ritmo de inversións leva o mesmo camiño pódese comprobar o que dende o PP levamos moitos anos denunciando, que o goberno socialista, ben sexa en solitario ou en coalición, non ten capacidade inversora en Burela”, afirmaron.

Para os concelleiros populares “a señora López Moreno tenta agora, cando xa vai medio mandato, buscar solucións tras decatarse de que non lle vai chegar con luces e fogos de artificio para contentar á veciñanza de Burela”.

“Os nosos veciños queren un proxecto real para volver a colocar a Burela no lugar de referencia da Mariña, que nunca debeu de abandonar, por mor dos despropósitos socialistas”, finalizaron.

Exit mobile version