Dende o Grupo Provincial Popular explican que o 92% dos convenios asinados para a construción de polígonos industriais impulsáronse cun goberno do Partido Popular á fronte da Deputación mentres PSOE e BNG levan dúas décadas de paralización e desidia industrial na provincia
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, critica “o triunfalismo” de PSOE e BNG. “Socialistas e nacionalistas son os únicos responsables de que 20 áreas industriais pendentes de construción na provincia non sexan unha realidade e que estean completamente paralizadas”, sinalou.
O popular explica que cando PSOE e BNG entraron no goberno da Deputación de Lugo, en 2007, herdaron o compromiso de investir 82.508.000€ para a posta en marcha de todos estes polígonos industriais, ademais de deixar en marcha e avanzadas as tramitacións urbanísticas e a compra dos terreos necesarios.
Antonio Ameijide sinala que o impulso de iniciativas empresariais e a creación de emprego son clave para o asentamento da poboación na provincia e para isto é necesario dispoñer de solo industrial no que asentar empresas ou permitir o traslado ou ampliación das súas instalacións das empresas xa existentes que o precisen, unha tarefa na que o goberno provincial “pode facer moito máis do que está a facer”.
A realidade é que “PSOE e BNG se converteron nun lastre para a provincia, xa que levan 18 anos sen ter o papel relevante que deberían ter en canto ao impulso industrial e de xeración de emprego” xa que José Tomé, o PSOE e o BNG “non lle deron a importancia que merecen ás iniciativas que pretenden dotar de solo industrial ao territorio para favorecer o desenvolvemento industrial e económico e a calidade de vida dos veciños”.
“A provincia de Lugo e os lucenses necesitamos un goberno á fronte da Deputación que se poña a traballar e desenvolva un plan de impulso dos polígonos industriais da súa titularidade na provincia con campañas de captación de investimentos a través da busca activa de empresas e emprendedores para o seu asentamento nestas áreas, o estudo de posibles bonificacións do prezo ou outros incentivos para a venda e, todo, en colaboración con outras entidades locais”, explicou.
Un claro exemplo da nula política industrial de PSOE e BNG á fronte da Deputación é o polígono de Baralla.
Neste caso, o convenio asinouse no ano 2006 (cun goberno do PP á fronte da Deputación), máis de 200.000m2 de solo a disposición, plan de sectorización (iniciado no ano 2007) e tras investir 1.431.000€ nas tramitacións e compra de terreos “o desinterese por parte da Deputación teno paralizado por completo”.
E mentres “vemos como din que comezan a comprar terreos para outras áreas industriais moito máis atrasadas na tramitación seguen paralizando aqueles que xa teñen todo preparado para comezar coa súa construción”.
Antonio Ameijide afirma que “PSOE e BNG terán que explicar os motivos desta situación e só eles poden responder a se a cor política que goberna cada concello ten que ver no bloqueo e paralización dos polígonos industriais comprometidos”.
AUSENCIA DUNHA POLÍTICA INDUSTRIAL POR PARTE DA DEPUTACIÓN
Antonio Ameijide explica que esta falta de política industrial por parte de PSOE e BNG vese reflectida na “lenta venda das parcelas” que ten a Deputación nos oito polígonos rematados, “con prezos de venda moi por enriba dos que impulsan outras administracións, como pode ser a Xunta de Galicia”.
Neste senso, o voceiro popular recorda a necesidade de bonificar o prezo ou realizar descontos nas parcelas para facelas máis atractivas e interesantes, incluso “tendo a vontade de negociar cos Concellos unha posible cesión para que xestionen esas vendas con maior énfase e interese”.
Dende o Grupo Provincial Popular explican que, segundo os datos que puidemos obter, son máis de 100 parcelas nos polígonos industriais construídos pola extinta SUPLUSA en diferentes concellos da provincia, “unha ampla dispoñibilidade de parcelas sen adxudicar que evidencia a falta de interese do goberno provincial por incentivar a venda das mesmas para favorecer a posta en marcha de iniciativas empresariais contribuíndo ao desenvolvemento económico da provincia e, consecuentemente, ao desenvolvemento social e ao crecemento da poboación”.