Na iniciativa que presentarán os deputados do PPdeG tamén se recolle que se planifique e se consignen os fondos necesarios para realizar periodicamente o correcto mantemento da estrada
Así o manifestaron a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia; os deputados do PP no Congreso, Francisco Conde, Cristina Abades, Pedro Puy, Irene Garrido e Juan Bayón, ademais do alcalde de Monterroso, que comprobaron o nefasto estado da N-640 ao seu paso por este municipio e anunciaron que presentaron unha iniciativa na Comisión de Seguridade Viaria do Congreso dos Deputados, relativa á mellora da seguridade viaria nesta estrada.
A iniciativa que defenderán os populares pide priorizar e iniciar, con carácter urxente, as obras de reparación integral do firme, a mellora da sinalización horizontal e vertical, e a instalación de iluminación adecuada na N-640 en todos os tramos que presentan un estado máis deficiente, entre eles, en Meira e Trabada, A Pastoriza, Monterroso, Agolada, Lalín e Vilagarcía de Arousa.
Tamén é necesario que o Ministerio de Transportes e Movilidade Sostible asegure a planificación e o financiamento para o mantemento desta estrada, asegurando que se dispoña dun pavimento adecuado, sinalización visible e iluminación suficiente para favorecer unha circulación segura e fluída a todos os condutores.
A presidenta do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, afirmou que “o mantemento desta estrada é unha reivindicación na que non imos a parar ata que se consiga porque é vía fundamental para a vertebración do territorio”.
O deputado Francisco Conde explicou que “a falta de mantemento ten convertido a N-640 nunha das estradas que peor estado ten en Galicia, presentando carencias graves, entre elas, o deterioro do firme, nomeadamente en tramos non urbanos, con condicións moi deficientes, fochancas e deformacións que incrementan o risco de accidentes”.
Especialmente preocupantes son varios treitos nos concellos de Meira, A Pastoriza, ou Agolada, zonas onde as sinuosas curvas, a mala iluminación, o mal estado da sinalización horizontal, dificilmente perceptible en numerosos puntos, ou o deficiente estado do firme, reducen notablemente a seguridade viaria.
Francisco Conde tamén fixo fincapé “no abandono” do Goberno de Pedro Sánchez á provincia de Lugo en materia de infraestruturas que está xerando un enorme problema de seguridade viaria e conectividade”.
Pola súa banda, o deputado por Pontevedra, Juan Bayón, expuxo a situación desta estrada nesa provincia, afirmando que “dende Agolada ata Vilagarcía, o estado da N-640 é lamentable, algo que pode verse que non se trata dun problema que xurda da noite a mañá, senón que son moitos anos de abandono por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.
Juan Bayón recordou “as numerosas promesas de arranxo e mantemento incumpridas por Pedro Sánchez” porque a realidade constatable “son as fochancas, a deficiente sinalización e a falta de alumeado que son colaboradores necesarios no aumento da inseguridade viaria e, por conseguinte, aumentaron os accidentes de circulación”.
DEMANDA DE SOLUCIÓN PARA OUTRAS INFRAESTRUCTURAS
Francisco Conde tamén fixo fincapé “no abandono e maltrato” do Goberno de Pedro Sánchez á provincia de Lugo en materia de infraestruturas destacando que “Lugo é a única provincia de Galicia e do entorno que queda fóra da alta velocidade ferroviaria así como do Corredor Atlántico de Mercancías”.
O deputado do PP de Lugo recordou que “na provincia de Lugo tamén son moi necesarias as comunicacións por estrada, sendo prioritario rematar a autovía a Santiago e as autovías A-56 (Lugo-Ourense), A-74 (autovía da Mariña) e A-76 (Ponferrada-Ourense, que pasa por Monforte)”.
Juan Bayón recordou que “o PSOE segue sen cumprir os seus compromisos en materia de infraestruturas” poñendo como exemplo a variante de A Estrada “que segue sen materializarse, a pesar de ser un dos compromisos asinados por PSOE e BNG no pacto que levou a Pedro Sánchez á presidencia do Goberno en 2017 e, aínda en 2025, non se cumpriu”.