Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Vilalba esixe ao goberno local “previsión sobre a dispoñibilidade de prazas no PAI”

Os populares pedirán no vindeiro pleno o apoio dos distintos grupos para que o Concello permitan realizar inscricións no PAI para que as familias saiban con antelación se poden contar cunha praza evitando que teñan que buscar recursos fóra do municipio

Vilalba, 23 de marzo de 2025. O Partido Popular de Vilalba esixe previsión ao goberno local en relación á dispoñibilidade de prazas no Punto de Atención á Infancia (PAI) e medidas que permitan dar resposta á demanda real das familias vilalbesas garantindo unha xestión eficiente e planificada do servizo de atención a menores de 3 anos.

Os populares amosan a súa preocupación porque “as familias de Vilalba que solicitan praza para os seus fillos e fillas na Galiña Azul e na escoliña se enfrontan a unha situación de incerteza: aquelas que queden sen praza poderían optar ao PAI, pero este aínda está en obras e terían que esperar ao seu remate para saber se van a ter a posibilidade ou non de poder acceder ao PAI”.

“Sabemos que unha familia non pode esperar a setembro para saber se se lle vai a conceder esa praza ou non, polo que de novo van a ter que tentar de buscar unha solución”, engaden.
Así, os concelleiros do PP afean a “falta de previsión e de medidas efectivas por parte do goberno municipal, composto por PSOE-Vilalba Aberta co apoio do BNG, está a impedir que moitas familias de Vilalba poidan conciliar a súa vida familiar e laboral de xeito axeitado. Isto supón un problema grave para a veciñanza, xa que non se garante o acceso a un servizo fundamental para o benestar dos nenos e nenas e para o apoio ás familias traballadoras”.

PROPOSTA DE ACORDO

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular agardan, polo tanto, o apoio de tódolos grupos da corporación á proposta que formularán no vindeiro pleno para que o Concello permita realizar canto antes as inscricións no PAI para que as familias saiban con antelación se contan cunha praza e, polo tanto, evitarlles que teñan que buscar alternativas fóra do municipio por falta de información ou prazas dispoñibles.

Exit mobile version