Os populares advirten do “deplorable” estado do aparcamento municipal soterrado que sofre grave filtracións de auga e pedirán no vindeiro pleno explicacións ao goberno bipartito
Vilalba, 21 de marzo de 2025. O Partido Popular de Vilalba xa advertía fai un par de meses do “deterioro” das instalacións do aparcamento soterrado da Praza da Constitución e, máis recentemente, os usuarios puideron comprobar importantes danos como son as grandes filtracións de auga que poden ocasionar problemas máis graves.
Os populares pedirán, polo tanto, no vindeiro pleno explicacións ao equipo de goberno de PSOE e Vilalba Aberta en relación ás actuacións que teñen previstas neste aparcamento municipal ante o “deplorable” estado no que se atopa porque cren que “se debería actuar con urxencia no seu mantemento para evitar danos maiores”.
Os concelleiros do Partido Popular advirten tamén que “lonxe de mellorar as infraestruturas municipais, as obras que está a levar a cabo o bipartito presentan graves deficiencias pouco despois da súa finalización. Esta situación supón un gasto reiterado de fondos públicos sen que se garanta unha duradeira execución e de calidade”.
Un claro exemplo é a rúa da Pravia onde “as beirarrúas presentan desniveis e acumulación de auga, a pesar de ser unha obra de recente realización”. Pero esta situación repítese noutras actuacións levadas a cabo pola concellería de Urbanismo, Mobilidade, Infraestruturas Rurais e Desenvolvemento Industrial, dirixida por Modesto Renda; xa que “moitas das pistas rurais que foron supostamente reparadas se atopan novamente cheas de danos, obrigando a realizar arranxos constantes e sen solucións definitivas”.
Estes casos evidencian “a ausencia dun control rigoroso sobre as obras executadas e e que ao goberno local non lles importa en absoluto que a súa falta de acción derive nun desperdicio de recursos públicos”, segundo manifestan os populares.
OBRAS DE CALIDADE QUE SOLUCIONEN “PROBLEMAS REAIS”
Nese sentido, instan ao equipo de goberno municipal a elaborar un plan de obras no que se prioricen aquelas de calidade para evitar así o malgasto de fondos públicos en actuacións que, en pouco tempo, volven ter deficiencias. E, polo tanto, convidan a PSOE e Vilalba Aberta a “deixar de lado as obras nas que se bota unha pouca grava para facer a foto o concelleiro e se prioricen as obras que solucionen os problemas reais”.