“Non é normal que unha obra que custou máis dun millón de euros xa estea en condicións lamentables. É unha chapuza máis da xestión do bipartito, que despilfarra os cartos dos veciños en obras mal feitas e sen planificación”, denuncian desde o PP
Vilalba, 25 de marzo de 2025. O Partido Popular de Vilalba esixirá no vindeiro pleno explicacións ao goberno de PSOE e Vilalba Aberta sobre a situación da rúa da Pravia, onde as deficiencias da obra realizada hai só ano e medio xa están a causar caídas de peóns. As beirarrúas presentan desniveis perigosos, continúan acumulando auga nos días de chuvia e xa aparecen fochancas na calzada, a pesar de que a renovación desta rúa custou 1,2 millóns de euros.
“Non é normal que unha obra que custou máis dun millón de euros xa estea en condicións lamentables. É unha chapuza máis da xestión do bipartito, que despilfarra os cartos dos veciños en obras mal feitas e sen planificación”, denuncian desde o PP. “¿Quen vai asumir responsabilidades por isto? ¿Que pensa facer o goberno local para garantir a seguridade dos peóns? ¿Ou van a seguir mirando para outro lado ata que ocorra unha desgraza?”.
Os concelleiros populares tamén preguntarán cando teñen previsto cambiar as sinais de tráfico na rúa da Pravia, xa que hai sete meses Vilalba Aberta cambiou o sentido de circulación, pero as sinais continúan sen actualizarse. “Se son incapaces de facer algo tan básico como cambiar unhas sinais en sete meses, ¿que podemos esperar deles para cuestións máis importantes?”, critican.
OUTROS PROBLEMAS MUNICIPAIS
O PP tamén preguntará polos motivos do despedimento do encargado do servizo de recollida do lixo, que levaba máis de 20 anos prestando servizo. Os populares queren saber se este é o inicio dunha purga laboral dentro do Concello e cal é a postura de Vilalba Aberta sobre este asunto. “O bipartito debe explicar por que bota á rúa a un traballador con décadas de experiencia. ¿Van a seguir despedindo a xente sen dar ningunha explicación?”, critican.
Outros temas que levarán ao pleno inclúen a situación da Praza de Santa María, a falta de avances na adxudicación das parcelas do Polígono Industrial Sete Pontes, os motivos polos que aínda non se convocou a praza de arquitecto técnico do Concello, o estado actual do PXOM e o aforro real conseguido coa instalación das farolas de baixo consumo.
“Estamos ante un goberno que funciona a base de improvisacións e propaganda, pero a realidade é que Vilalba está peor que nunca. Obras que non duran, traballadores despedidos sen explicacións, proxectos que non avanzan… Mentres tanto, PSOE e Vilalba Aberta seguen calados e sen asumir responsabilidades”, conclúen os populares.