Dende o PP de Lourenzá recordan como a Xunta de Galicia xa aportou no seu momento máis de 360.000€ para rehabilitar a igrexa, pero “é necesaria a implicación de máis administracións para evitar a perda do Mosteiro”
Lourenzá, 18 de marzo de 2025. Os concelleiros do PP de Lourenzá defenderán no vindeiro pleno unha iniciativa para que o Concello de Lourenzá inste ao Goberno de España a liderar e financiar, con cargo a fondos estatais, a obra de rehabilitación integral do Mosteiro de San Salvador de Vilanova, unha intervención para a que será necesario elaborar e executar un proxecto de intervención, para preservar, protexer e poñer en valor esta xoia patrimonial, arquitectónica e relixiosa declarada Conxunto Histórico-Artístico.
Este Mosteiro é un dos monumentos máis importantes de Lourenzá e un referente do barroco galego. Ademais, é unha das paradas fixas dos peregrinos que percorren o Camiño do Norte a Santiago de Compostela.
Nos seus inicios foi un mosteiro familiar dúplice e posteriormente adheriuse á orde beneditina. Consta dunha igrexa barroca que se converteu en igrexa parroquial, así como tamén posúe a casa abacial e dependencias monásticas, con dous claustros, que actualmente están inhabitadas.
Entre 1910 e 1942 recobra a vida monástica coa chegada de monxes dependentes de Samos. Disgregada esta comunidade e tras un tempo como Seminario Menor Diocesano, dependente do bispado de Mondoñedo, faise cargo do edificio o Concello.
Na actualidade acolle algunhas dependencias municipais e desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra.
Os concelleiros populares explican que “desafortunadamente algunhas das súas estancias presenten gran deterioro o que non soamente impide que sexa obxecto de visitas, senón que urxe a súa preservación de cara ao futuro”.
A Xunta de Galicia realizou un investimento de máis de 360.000€ para rehabilitar a igrexa, pero “é precisa unha actuación máis ambiciosa que require da colaboración entre administracións e tería cabida entre as financiadas con cargo a fondos estatais”.
Os concelleiros populares recordan que a alcaldesa de Lourenzá anunciara a sinatura dun convenio co Bispado de Mondoñedo-Ferrol para a cesión do inmoble e a execución dunha obra de rehabilitación que superaría os 2M€, con cargo ao Plan Nacional para o Turismo do Xacobeo 2021, pero “nunca chegou a executarse”.
Ante esta situación, dende o PP de Lourenzá instan a que o Goberno do Estado lidere a recuperación deste mosteiro porque “a súa perda suporía a desaparición dun fragmento único e irrepetible da nosa historia e da nosa arquitectura”.