Entre as actuacións que é urxente realizar nesta vía están o aglomerado en quente para mellorar o firme, a limpeza de cunetas e beirarrúas así como a poda das árbores de ambas marxes para garantir a visibilidade
Lourenzá, 25 de marzo de 2025. O PP de Lourenzá pedirá no vindeiro pleno que o Concello realice trámites necesarios para renovar a estrada que conecta o municipio con San Xusto (Barreiros), dado o mal estado que presenta.
Os concelleiros populares sinalan que é preciso realizar unha análise exhaustiva do estado desta vía para planificar e executar o seu arranxo con aglomerado en quente, realizando tamén a limpeza de cunetas e beirarrúas, así como a poda das árbores da beira da vía para garantir a seguridade viaria.
O certo é que esta estrada, de titularidade municipal, atópanse nun estado desolador debido ao seu deterioro evidente, o que supón un risco significativo para a seguridade dos usuarios, sendo algúns dos seus problemas as numerosas fochancas que dificultan a circulación e aumentan o risco de accidentes, a acumulación de residuos e vexetación nas beirarrúas e que compromete a accesibilidade e a seguridade peonil, ademais da falta de mantemento das árbores de forma que a ausencia de podas adecuadas provoca unha diminución drástica da visibilidade e representa un perigo adicional para os condutores.
“Estas deficiencias afectan non só aos veciños de Lourenzá, senón tamén aos veciños de Barreiros que empregan esta vía para desprazarse ao noso municipio por motivos laborais ou para acceder aos servizos comerciais e de restauración en Vilanova”, explicaron.
Os concelleiros do PP de Lourenzá recordan que non é a primeira vez que realizan esta petición no pleno polo que “agardamos que nesta ocasión o equipo de goberno teña a suficiente altura de miras para decatarse de que urxe solucionar estes problemas para garantir a seguridade viaria”.