Desde o PP de Foz consideran intolerable que a Escola de Música e os seus alumnos sexan, unha vez máis, vítimas da incompetencia dun equipo de goberno que demostrou sobradamente a súa falta de capacidade para xestionar os asuntos municipais
Foz, 10 de marzo de 2025. O Partido Popular de Foz denuncia a absoluta neglixencia da concelleira de Cultura, Inés Couto, que provocou a perda dunha subvención esencial para a Escola de Música Municipal ao non solicitar a axuda á Xunta de Galicia dentro do prazo establecido. A propia edil recoñeceu este erro no último pleno, ante unha pregunta dos populares formulada tras recibir as queixas dos usuarios, asumindo a súa responsabilidade, pero iso non repara o prexuízo causado a un servizo fundamental para os veciños.
Desde o PP de Foz consideran intolerable que a Escola de Música e os seus alumnos sexan, unha vez máis, vítimas da incompetencia dun equipo de goberno que demostrou sobradamente a súa falta de capacidade para xestionar os asuntos municipais. “Un erro pódeo cometer calquera, pero cando afecta directamente á cultura e á educación musical dos nosos mozos, xa non estamos a falar dun simple despiste, senón dunha deixadez absoluta”, critica a concelleira popular, Verónica Soto.
O desinterese da señora Couto pola súa responsabilidade institucional é evidente. Se dedicase tanto tempo a cumprir co seu traballo como a atacar ao portavoz do PP, a Escola de Música non se vería prexudicada por esta desastrosa xestión. Pero parece que a súa prioridade non é traballar polos veciños, senón alimentar conflitos políticos estériles.
O Partido Popular esixe que o goberno local busque unha solución inmediata para compensar a perda desta subvención. “Se non son quen de facer o seu traballo correctamente, que polo menos teñan a decencia de reparar os seus erros, xa sexa con fondos municipais ou solicitando axuda á Deputación de Lugo, onde o alcalde ten responsabilidades de goberno”, afirma a popular.
A Escola de Música é un valor fundamental para Foz e non pode estar suxeita aos caprichos e á ineptitude dunha concelleira máis preocupada por organizar festas que por garantir a continuidade dos servizos culturais. “Mentres gastan os cartos en orquestras de moda, deixan morrer unha institución clave para a nosa cultura local. É un escándalo e un desprezo absoluto aos veciños de Foz”, conclúe Soto.