Recentemente, os senadores do Partido Popular solicitaron información sobre o estado do proxecto, o seu financiamento e os prazos de execución, pero a resposta do Executivo central foi decepcionante
Barreiros, 29 de marzo de 2025. A pesar dos anuncios realizados pola alcaldesa e a primeira tenente de alcaldesa de Barreiros, así como polo delegado do Goberno, a realidade sobe a construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Miguel de Reinante segue sen concretarse. Recentemente, os senadores do Partido Popular –Jose Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- solicitaron información sobre o estado do proxecto, o seu financiamento e os prazos de execución, pero a resposta do Executivo central foi decepcionante.
Segundo a resposta oficial, actualmente só se están levando a cabo contactos preliminares entre o Concello de Barreiros e a sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas (Acuaes). Estes contactos terían como obxectivo analizar as necesidades do municipio, desenvolver un proxecto de actuación e estudar a viabilidade da execución da obra. Porén, non se menciona ningún compromiso concreto en canto a financiamento, prazos ou a posible necesidade de cofinanciamento.
Os senadores do PP consideran que esta resposta confirma a ausencia dun compromiso real por parte do Goberno central. “O Goberno de España non se compromete a absolutamente nada. Preguntámoslles se a EDAR ía ser cofinanciada, se tiña algunha partida orzamentaria asignada e cando se prevía a súa execución, pero non obtivemos ningunha resposta concreta”, sinalan.
A falta de concreción xera incerteza entre os veciños de Barreiros, que levan tempo demandando unha solución efectiva para a xestión das augas residuais. “Non dicimos que non se vaia facer, de feito oxalá se faga, pero compromiso firme neste momento por parte do Goberno non hai”, indican os senadores populares.
A cidadanía de Barreiros segue á espera de feitos e non de promesas. O Partido Popular esixe que o Goberno clarifique a súa postura e concrete as accións necesarias para que a EDAR de San Miguel de Reinante sexa unha realidade canto antes.