Este investimento servirá para acometer 324 obras e subministracións; crear 282 postos de traballo; e prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a unhas 2.000 persoas dos concellos de menos de 20.000 habitantes
Lugo, 25 de marzo de 2025. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar con cargo ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2025, que nesta anualidade conta con 22M€ de fondos da institución provincial. Deste xeito, o Goberno provincial sacou adiante a súa proposta a favor deste programa de investimentos, que inxecta 25M€ de fondos públicos no tecido socioeconómico da provincia, tendo en conta as achegas dos concellos, que suman case 3M€.
Destacou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, que é o quinto ano consecutivo que esta ferramenta se aproba no primeiro trimestre do ano, permitindo así aos concellos planificar as súas accións, traballar con máis previsión, aproveitar mellor os recursos e dar unha resposta máis áxil aos veciños e veciñas. Incidiu á entrada do Pleno que é un instrumento de cooperación que garante a distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos con “criterios obxectivos e equitativos”.
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, explicou que os concellos presentaron as súas propostas para investir estes fondos da institución provincial aos diferentes programas: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); reforzo do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións e eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; e protección civil.
Nas peticións das entidades locais teñen prioridade os investimentos, aos que deciden dedicar máis de 16,5M€ -case o 70% do total dos fondos-, para acometer 324 obras e subministracións; seguido da creación de emprego, á que destinan algo máis de 3,6M€ cos que crearán 282 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que os concellos de menos de 20.000 habitantes reciben 3,3M€ para atender a unhas 2.000 persoas.
A Deputada incidiu en que o Plan Deputación é a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os Concellos, multiplica resultados. “A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión territorial da provincia de Lugo, a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas públicos”.
Modificación do Orzamento
Na sesión de hoxe tamén se lle deu o visto bo a unha modificación do Orzamento da Deputación de Lugo para este ano 2025, mediante Transferencia de Crédito e Suplemento de Crédito, precisamente para poder materializar o Plan Deputación. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Carmela López, detallou que coa Transferencia de Crédito, se modifican as partidas orzamentarias que estaban consignadas inicialmente no Presuposto para adaptalas ás necesidades manifestadas polos concellos. E, por outra banda, co Suplemento de Crédito, incorpóranse aos Orzamentos algo máis de 10,4 M€, o que permite que a dotación económica do Plan Deputación deste ano alcance os 22M€.
Así mesmo, acordouse a incorporación de máis 19M€ de remanentes ao Orzamento deste ano 2025 para “a amortización da débeda con 6M€ e lograr a débeda cero, algo moi importante, pero tamén para seguir reforzando a cooperación da Deputación cos concellos, e o apoio ao tecido social e económico da nosa provincia, para que poidan manter ou impulsar novas accións que contribúan a mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas, así como á dinamización da actividade económica e do emprego”, detallou López, ao tempo que concretou a que estes fondos “irán destinados a distintos eidos que consideramos fundamentais para o noso territorio, como son as estradas, a cultura, a mocidade, o deporte, o medio rural, o turismo, a atención á cidadanía e as transferencias ós concellos”.