Lembran que Vestas, dedicada á fabricación e mantemento de turbinas eólicas -propias e doutras marcas como Gamesa ou Suzlon- emprega a miles de persoas no Estado español. Porén, a empresa “négase a negociar de forma efectiva co seu persoal”. O pasado martes, a mesa de negociación pechouse sen acordo, o que desencadeou na ampliación a outros territorios da folga iniciada o 10 de marzo en Galiza pola CIG. Dende entón, os traballadores e traballadoras de Vestas -a quen se sumaron os compañeiros e compañeiras de Asturies- están secundando de xeito masivo paros cada luns e venres de marzo.
A representación da CIG critica que, lonxe de buscar solucións e abrir “un diálogo real”, Vestas aférrase á súa proposta inicial, rexeita as alternativas formuladas polos sindicatos e ademais presiona coa ameaza de ir a convenios provinciais se o persoal non acepta as súas condicións.
Ao tempo, a empresa está ofrecendo acordos individuais a algunhas persoas “baixo condicións dubidosas e a custe mínimo, asegurando dispoñibilidade a clientes como Iberdrola, Naturgy ou Enel, pero sacrificando os dereitos de quen sostemos a súa actividade diaria: persoal técnico, especialista, persoal de campo e de oficinas”.
A este respecto, os delegados da CIG subliñan que o único que se está demandando é “un convenio xusto que beneficie a ambas partes, non un convenio de mínimos que prexudique o persoal e asegure o futuro dunha empresa que presume de liderado en enerxías renovábeis”. Atribúen a extensión das mobilizacións a esta falta de vontade negociadora da dirección, á que acusan de bloquear unha saída ao conflito.
“Os traballadores e as traballadoras de Vestas non só contribuímos a unha transición enerxética, senón que merecemos condicións dignas para seguir facéndoo”, defenden.