Lugo, a 28 de marzo de 2025. O persoal de Vestas Eólica secunda este venres una nova xornada de folga (a sexta neste mes de marzo) en demanda dun convenio colectivo digno que non supoña un retroceso dos dereitos e seguir perdendo poder adquisitivo. Con motivo da folga, os traballadores e traballadoras tamén realizarán unha concentración hoxe, ás 11:00h, diante das instalacións de Norvento en Lugo.
Lembran que Vestas, dedicada á fabricación e mantemento de turbinas eólicas -propias e doutras marcas como Gamesa ou Suzlon- emprega a miles de persoas no Estado español. Porén, a empresa “négase a negociar de forma efectiva co seu persoal”. O pasado martes, a mesa de negociación pechouse sen acordo, o que desencadeou na ampliación a outros territorios da folga iniciada o 10 de marzo en Galiza pola CIG. Dende entón, os traballadores e traballadoras de Vestas -a quen se sumaron os compañeiros e compañeiras de Asturies- están secundando de xeito masivo paros cada luns e venres de marzo.
A representación da CIG critica que, lonxe de buscar solucións e abrir “un diálogo real”, Vestas aférrase á súa proposta inicial, rexeita as alternativas formuladas polos sindicatos e ademais presiona coa ameaza de ir a convenios provinciais se o persoal non acepta as súas condicións.
Ao tempo, a empresa está ofrecendo acordos individuais a algunhas persoas “baixo condicións dubidosas e a custe mínimo, asegurando dispoñibilidade a clientes como Iberdrola, Naturgy ou Enel, pero sacrificando os dereitos de quen sostemos a súa actividade diaria: persoal técnico, especialista, persoal de campo e de oficinas”.
A este respecto, os delegados da CIG subliñan que o único que se está demandando é “un convenio xusto que beneficie a ambas partes, non un convenio de mínimos que prexudique o persoal e asegure o futuro dunha empresa que presume de liderado en enerxías renovábeis”. Atribúen a extensión das mobilizacións a esta falta de vontade negociadora da dirección, á que acusan de bloquear unha saída ao conflito.
“Os traballadores e as traballadoras de Vestas non só contribuímos a unha transición enerxética, senón que merecemos condicións dignas para seguir facéndoo”, defenden.