“Tanto a deputada autonómica e o senador socialistas, Patricia Otero e César Mogo, como a propia alcaldesa minten e queren tratar de parvos aos nosos veciños xa que a iniciativa do Partido Popular, aprobada no Senado, inclúe a elaboración e execución dun proxecto de intervención por parte do Goberno de España, só ou en concorrencia con outras administracións”, subliña o voceiro popular, Roberto Díaz
A emenda presentada polo PSOE foi rexeitada ao ser moito máis ambiciosa a proposta dos populares. Polo tanto, a iniciativa do PP non exclúe a aportación de ningunha administración mentres que a emenda do PSOE non comprometía o apoio do Goberno central con fondos propios á obra de rehabilitación do inmoble nin esixía que a administración central liderase este proxecto, aínda que actuase en concorrencia con outras administracións.
Díaz esixe aos representantes socialistas, á alcaldesa e ao Goberno de Sánchez que deixen de “tapar” con mentiras todas as promesas incumpridas e que se poñan a traballar con feitos a prol de Lourenzá e, neste caso concreto, do mosteiro de San Salvador. “O Goberno do PSOE en España díxolle non ao mosteiro no acceso ás axudas do 2% Cultural; sempre que os senadores se interesaron sobre os proxectos para rehabilitar o monumento, o Goberno confirmou que non tiña previsión de facelo; o Executivo central chegou a prometer unha obra de rehabilitación que superaría os 2M€ con cargo ao Plan Nacional para o turismo Xacobeo 21/22 que nunca chegou a executarse”, lamenta o voceiro do PP de Lourenzá.
En contraposición a todas estas promesas socialistas incumpridas, os populares laurentinos inciden en que a Xunta de Galicia é unha administración que ten demostrado o seu compromiso con este patrimonio arquitectónico. De feito, ten realizado obras ata en tres ocasións no monumento e, por exemplo, recentemente culminaba un investimento de máis de 360.000 euros para rehabilitar a súa igrexa.
“En definitiva, a Xunta de Galicia traballa con feitos e realidades e o Goberno de España nin está nin se lles espera xa que o único que fixo foi denegar constantemente as obras, primeiro as que anunciou o PSOE e que nunca chegaron eses 2M€, segundo as que solicitou o Bispado de Mondoñedo – Ferrol por importe de 3M€ que tampouco nunca chegaron e terceiro, que teñamos constancia, o Goberno central non ten investido nin un so euro neste monasterio”, finaliza Roberto Díaz.