Os burelistas tiveron opcións de empatar e incluso de facerse co triunfo no segundo tempo, pero acabaron caendo pola mínima
Burela, 16 de marzo, 2025. O Noia Portus Apostoli levou o derbi (3-2) disputado este domingo no pavillón Agustín Mourís despois dun vibrante partido no que o Burela tivo opcións para levar o empate e mesmo os tres puntos, pero unha gran acción de Pirata desnivelou o duelo do lado coruñés cando restaban menos de dous minutos para a conclusión. Con esta derrota, o Burela segue instalado na undécima praza, pero coa zona de descenso, que marca o ATP Iluminación Tudelano Ribeira Navarra tras a vitoria noiesa, a tan só xa cinco puntos.
A posta de longo dos noieses foi moito mellor e foron superiores nos primeiros cinco minutos, tanto territorialmente como a nivel de ocasións sobre o marco rival. Froito deste dominio chegou o único tanto do primeiro tempo, nunha perda de Araya no minuto 3 que aproveitaba David Pazos para poñerlle un bo balón a Pirata, que marcaba practicamente a pracer. Un minuto máis tarde tiña que intervir Kaluza metendo un bo pé para evitar o segundo nun disparo duro e raso do exburelista.
A partir do minuto 5, o Burela sacudiuse a presión sobre a súa portería e aos poucos foi gañando protagonismo no campo contrario. Con Kaluza incorporado ao ataque, Quelle tiña a primeira ocasión mariñá. O canteirán quedaba só ante Peixe no á dereita e o meta brasileiro tapaba co seu corpo o disparo do burelense. Pouco despois volvía aparecer Peixe nun disparo de Pitero.
Despois duns minutos de toma e daca sen ocasións, Pitero volvía tentalo cun remate de cabeza tras un envío en longo de Quelle, pero o seu remate íase moi alto. Respondían os locais cun disparo moi perigoso de Power no que aparecía Kaluza metendo unha perna.
A tres minutos do descanso o Burela dispoñía dunha falta perigosa a uns 11 metros da portería coruñesa. O encargado de executala foi Rikelme e Peixe respondía sacando unha perna. Despois facía o propio Kaluza metendo un pé salvador nun disparo de David Pazos.
Antes do intervalo, o conxunto visitante buscou o empate en accións de Quelle, Isma e Rikelme, pero o porteiro local interviña no primeiro e no terceiro, mentres que o segundo íase por moi pouco.
O segundo tempo comezaba cun gol moi rápido do Burela, nunha acción na que Rikelme gañáballe a partida a Peixe. O Noia respondía o empate cunha falta botada por David Pazos que despexaba Kaluza. No rexeite era Charly o que se interpoñía para que o balón non alcanzase a portería. Aos poucos segundos, o segundo tanto local roldaba a meta burelista, nun disparo de Altamirano que tocaba nos tres paus, pero non entraba. Si chegaría o tanto no minuto 23, cando un tiro de Power tocaba en Isma e cambiaba a traxectoria o suficiente para que Kaluza non puidese chegar.
O seguinte en pegar foi o conxunto laranxa, que tres minutos máis tarde devolvía as táboas ao electrónico nun gran pase de Araya entre as pernas de Rubi, que resolvía do mesmo xeito Pitero batendo a Peixe. Cos noieses aínda recuperándose do pau do empate, tivo o terceiro o equipo da Mariña, pero o disparo de Rikelme atopábase co traveseiro e despois era Peixe o que paraba un remate de Alberto.
No ecuador da segunda entrega aparecía Kaluza para meter dous bos pés en lanzamentos de Power e Rubi. Posteriormente volvía á carga o cadro laranxa e Pitero remataba á media volta un bo envío en longo de Isma, pero atopábase co corpo de Peixe.
A 8 minutos e 12 segundos da conclusión, o Burela cometía a súa quinta falta e pouco despois dispoñerían os noieses dun doblepenalti, pero Pirata remataba moi alto. Despois aparecía de novo Kaluza para meter un pé salvador nun disparo de Rufino que xa se ía para dentro.
Dentro xa do últimos cinco minutos de xogo, Pitero volvía ter unha ocasión para subir o 2-3 nun contragolpe, pero no man a man impoñíase Peixe metendo unha boa perna ante o burelés. Volverían gozar doutra boa oportunidade os visitantes nunha gran combinación entre Kaluza, Alberto e Isma, na que o capitán laranxa remataba moi alto.
Con menos de dous minutos por xogarse, Pirata desequilibraba a balanza nunha gran acción de pivote. Recibía na frontal, virábase moi ben ante Araya e batía a Kaluza cun disparo cruzado. Nos últimos 100 segundos tentábao o Burela co chileno de porteiro-xogador, pero non conseguía xerar accións de perigo #ante a portería contraria.
Ficha Técnica Noia Portus Apostoli 3-2 Burela FS
Noia Portus Apostoli (3): Peixe; Rubi, David Pazos, Diego Fávero, Pirata -quinteto inicial-, Power, Altamirano, Thierry, Garrincha, Douglas e Rufino.
Burela FS (2): Kaluza; Araya, Alberto, Rikelme, Isma -quinteto inicial-, Pitero, Charly, Quelle, Marc Campàs e Juninho.
Goles: 1-0, min. 3: David Pazos. 1-1, min. 21: Rikelme. 2-1, min. 23: Power. 2-2, min. 26: Pitero. 3-2, min. 39: Pirata.
Árbitros: González Moreta e Sánchez Chamorro (Madrid). Amoestaron aos locais Rufino, Pirata, Douglas e David Pazos, así como aos visitantes Mika, Araya, Pitero, Rikelme, Isma, Juninho e Alberto.
Incidencias: Encontro da vixésimo segunda xornada da Primeira División masculina disputado no Agustín Mourís de Noia diante duns 800 espectadores.