Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES de Foz acollerá o 19 de marzo unha charla informativa sobre orientación académica dirixida a familias

escola de nais e pais – 1

Foz, 12 de marzo, 2025. O vindeiro mércores 19 de marzo, ás 18:30 h, o Instituto de Educación Secundaria de Foz acollerá unha charla informativa sobre orientación académica dirixida exclusivamente a familias. O encontro terá lugar no salón de actos do centro e contará cunha duración aproximada de dúas horas.

A poñencia estará a cargo de Cristina Eiras López, orientadora de Secundaria e especialista en Trastorno do Espectro Autista (TEA) dentro do Equipo de Orientación Específico. Durante a sesión, abordaranse aspectos clave sobre a toma de decisións académicas e profesionais, proporcionando ferramentas e estratexias para acompañar aos mozos e mozas na elección do seu futuro educativo.

Esta charla forma parte do programa ENAPAS (Escola de Nais e Pais), organizado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Burela, co obxectivo de ofrecer ás familias información clara e útil sobre as distintas opcións formativas e os itinerarios educativos dispoñibles, así como resolver dúbidas e inquedanzas que poidan xurdir neste proceso.

Desde o IES de Foz, convidan a todas as familias interesadas a asistir e participar nesta xornada de orientación, que pretende servir de apoio nun momento crucial para o desenvolvemento académico e profesional do alumnado.

Pódese consultar máis información na web do centro educativo.

Exit mobile version