Tanto os socialistas, que non debateron sobre as medidas propostas polo Grupo Provincial Popular, como nacionalistas negáronse a reclamar ao Goberno de España as medidas que son da súa competencia para paliar o déficit de médicos na atención primaria que afecta a todo o Estado
Lugo, 25 de marzo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que “PSOE e BNG voten en contra de mellorar servizos sociosanitarios aos lucenses”. Socialistas e nacionalistas negáronse a apoiar as iniciativas dos populares no pleno da Deputación de Lugo para reclamar ao Goberno de España que permita formar máis médicos e impulse outras medidas da súa competencia para paliar o déficit de médicos que afecta a todo o Estado.
Os populares afearon que “o PSOE nin sequera falara dos puntos de acordo que propoñemos e que consideramos importantes porque suporían melloras na atención primaria”.
Concretamente, a proposta do Partido Popular recolle a petición para que o Goberno de España axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios, mentres non se transfira esta competencia a Galicia. “Este procedemento foi iniciado polo Goberno no 2022, polo que non entendemos que intereses poden ter en que o Goberno non avance e axilice”, engadiu.
Tamén piden incorporar de maneira inmediata as novas prazas acreditadas á oferta formativa de especialistas, modificar o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos a idade máxima para o exercicio da profesión médica -está sendo negociada polo Ministerio de Sanidade a implantación do réxime de xubilación activa para os que se queiran xubilar de forma voluntaria aos 70-, acelerar a implantación da especialidade de médico de urxencias -unha medida avalada por un Real Decreto promulgado polo Goberno e hai 10.000 facultativos que fixeron esta reivindicación firmando por escrito porque querían impedir a fuga de profesionais da atención primaria- e impulsar, na liña do que veñen facendo comunidades como Galicia, medidas que permitan incentivar as prazas consideradas como de difícil cobertura para así lograr a súa cobertura.
O deputado popular Francisco Balado lembrou que “a situación da atención primaria está sendo difícil en toda España por un problema de déficit de especialistas en medicina familiar e comunitaria que fai imposible cubrir baixas en caso de xubilacións, baixas e ausencias”.
“Esta situación xa era coñecida fai anos” e no 2018 cando gobernaba o Partido Popular aprobáranse nun Consello Interterritorial de Saúde medidas para corrixir carencias e previr o que podía acontecer nos anos vindeiros. Pero, “aquelas medidas quedaron sen efectos coa chegada ao poder do Goberno do Partido Socialista con Pedro Sánchez e a situación foi empeorando progresivamente en tódalas comunidades. Foron catro anos de inacción e varios ministros ata que no ano 2022 o Ministerio de Sanidade presentou ao Consello Interterritorial un informe no que se marcaba o 2027 como punto de inflexión no que se producirían situacións críticas especialmente en medicina de familia pola fuxida a urxencias ou o escaso incremento das prazas MIR”.
“A situación chegou a tal punto que CC.AA. de distinto signo político subscribiron un manifesto no que reclaman ao Goberno medidas urxentes para solucionar a situación. E un novo informe encargado polo Ministerio no 2024 actualizaba datos e alertaba da situación crítica”.
Aínda así, “o Goberno de España deixou correr o reloxo e as únicas medidas adoptadas neste tempo foron das comunidades autónomas”. De feito, “a Xunta actuou e, no ámbito da súa competencia, elaborou a lei que permitía contratar médicos por concurso de méritos e que permitiu convocar máis de 350, especialmente no rural”.
PSOE E BNG NEGAN IGUALDADE DE TRATO Á RESIDENCIA DE BECERREÁ
O portavoz provincial, Antonio Ameijide, censura que o equipo de goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo “se negue a establecer que os prezos das prazas do centro residencia e de día comarcal de Becerreá sexan iguais aos fixados para o resto de centros de atención a maiores da rede provincial”.
PSOE e BNG votaron en contra dunha proposta coa que “o Grupo Provincial Popular pide igualdade de trato para os veciños dos 67 concellos da provincia” á vista dun trato diferenciado que “se negan a corrixir”.
O popular incide en que “para o goberno provincial hai veciños de primeira e veciños de segunda. Xa o dicía fai uns días a nova asesora de Presidencia: non todos somos iguais. A súa forma de facer política é diferenciar, dividir, separar… Xa se adiantara o señor Rivera dicindo que había veciños e veciños do PP” e, finalmente, o presidente Tomé pasou todas as liñas: “aos que cre que non son iguais retrátaos, identifícaos e sinálaos facendo públicos os seus datos persoais no BOP e, incluso, ameazando con sancións de entre 600 e 30.000 euros”.
“Para os membros do PSOE nesta Deputación queda claro que non todos somos iguais porque un veciño que vai á residencia de Navia, Meira ou Ribas de Sil paga 1.390 euros; pero en Becerreá, segundo a memoria que aprobaron e publicaron no BOP, un veciño que vaia á residencia da Deputación terá que pagar 2.200 euros, 810 euros máis, un 60% máis”, dixo.
Ameijide explicou tamén que, no caso da residencia de Becerreá, no 2016 se asinou o convenio por valor de 5,4M€. Contratouse a construción e houbo unha baixa de 1,3M€ que se comprometeron para o equipamento do centro e que están a incumprir. De feito, “queren encasquetarllo á empresa que colla a xestión do centro”, pero “os cálculos tarifarios cambiarían se en lugar de ter que investir no equipamento para a súa apertura, a empresa atopase a residencia equipada como a Deputación se comprometera coa veciñanza”.
“Daquela xa tiñan responsabilidades na Deputación de Lugo a señora García Porto e o señor Rivera, que firma unha cousa e di a contraria: que a residencia que impulsaron el e os seus compañeiros non se pode abrir porque non é o modelo da Deputación”, engadiu. O popular condenou esta “escusa”, así como “esa inquina contra a comarca dos Ancares” e incidiu en que “a diferenza nas tarifas é inxusta”.