Viveiro, 15 de marzo de 2025. O Goberno galego renova a súa colaboración coa Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional e cuxo cartel foi presentado hoxe pola Xunta de Confrarías, que preside José Veiga. O acto contou coa participación do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, entre outras persoas.
Arias confirmou que a Axencia de Turismo de Galicia asinará outro ano máis o convenio coa Xunta de Confrarías para apoiar os gastos de promoción e organización das actividades, incluídas as do programa de difusión cultural Adral.
O delegado subliñou o “peso cultural e turístico” da Semana Santa de Viveiro, “que está considerada como unha das máis fermosas de Galicia e destaca polo grande valor histórico e artístico da súas imaxes”. Apuntou tamén que a Xunta “vela pola preservación de todo ese legado patrimonial”, en referencia a actuacións como a restauración da talla do Cristo da Veracruz, realizada o ano pasado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.