Viveiro, 10 de marzo, 2025. “O futuro de Viveiro merece un goberno con proxecto, compromiso e valentía, afastado das liortas e do inmobilismo das forzas políticas de sempre. No BNG estamos preparadas e preparados para liderar ese cambio con transparencia, participación e solucións reais para a veciñanza”, reflexionan desdo o BNG
“A nosa experiencia de goberno nestes dous anos demostrou que hai outra forma de facer política: con responsabilidade, proximidade e sentido común. Desde a Tenencia de Alcaldía impulsamos proxectos esenciais para Viveiro, mais o tempo foi insuficiente para completar todo o traballo iniciado. Moitas das iniciativas que puxemos en marcha seguirán executándose nos vindeiros meses, aínda que agora outros intenten apropiarse delas”, afirmou Míriam Bermúdez, voceira do BNG.
Bermúdez destacou tamén que “entregamos unha xestión da que nos sentimos orgullosas e que nos permite afrontar o futuro con máis forza e coñecemento. Por iso, nos dous anos que quedan ata 2027, exerceremos unha oposición firme e construtiva, con determinación e responsabilidade, defendendo os intereses da veciñanza fronte a quen fai da política un simple xogo de intereses persoais e partidistas”.
“O BNG representa unha alternativa real para Viveiro. Fronte ao oportunismo e ás vellas fórmulas esgotadas, seguimos traballando con rigor e propostas concretas. A veciñanza sabe que somos unha forza política comprometida, que xa demostrou capacidade de goberno e que está preparada para asumir a responsabilidade de transformar Viveiro”, sinalou Bermúdez.
“Agora máis que nunca, é o momento de apostar por un cambio real. Viveiro necesita un goberno que pense no benestar da súa xente, no desenvolvemento do concello e no futuro das novas xeracións”.
“Seguimos adiante, con máis forza ca nunca. O futuro de Viveiro está nas mans da súa xente, e con ela construiremos un concello mellor”.