Ribadeo, 27 de marzo de 2025. Indignación dos técnicos municipais de Ribadeo tras unha información do BNG relativa á suposta perda dunha subvención do Agader.
Os técnicos municipais fixéronlle chegar o seu malestar ao equipo de goberno e pídenlle ao BNG que se informe antes de ofrecer datos deste calibre. “O que pasou foi que houbo un erro na recepción da documentación presentada diante de Agader. Foi un erro de Agader”, explican.
O goberno municipal apoia aos técnicos e pídelle ao BNG que non falte á verdade: “o asunto está en vías de solución para poder compensar ao Concello de Ribadeo en canto sexa posible, nunha anualidade ou noutra, pero eses cartos veñen para Ribadeo. Goberno e técnicos traballan por mellorar o Ribadeo que queremos”.
E lembran que “o Agader agora mesmo está a investir en Ribadeo arredor de 100.000 euros e seguiremos contando coa súa axuda a colaboración”.