Ribadeo, 3 de marzo de 2025. O desfile do Antroido de Ribadeo, que terá lugar mañá, mantén o seu percorrido habitual.
A saída será ás 17:30 horas desde a Avenida Rosalía de Castro para pasar polas rúas San Roque e Virxe do Camiño, Avenida de Galicia, rúa José Vicente Pérez Martínez, Avenida de Asturias e rúa Clemente Martínez Pasarón para rematar diante da Casa do Concello.
Concello de Ribadeo e comisión organizadora explican que “debido ao volume de participación decidimos manter o percorrido habitual do desfile do noso Antroido. É certo que se barallou acurtalo un pouco, pero finalmente pensamos que o mellor é que toda a vila poida gozar do noso desfile ao grande, como sempre se fixo, percorrendo as principais rúas de Ribadeo. Adoptamos esta decisión seguindo tamén as indicacións da Policía Local e de Protección Civil”.
Comisión organizadora e Concello animan “a veciños e visitantes a botarse á rúa mañá, martes de Antroido, que é festivo local en Ribadeo e en moitas vilas dos arredores, e a gozar do desfile de Antroido que encherá de colores e de compases as rúas da nosa vila”.
Ao remate na carpa instalada no parque de San Francisco a organización servirá un chocolate a todos os participantes e terá lugar a entrega de premios.