Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello programa unha nova edición de ‘Cervo ao carón do voluntariado’

Os proxectos de Acción Voluntaria son ferramentas que axudan á mocidade a desenvolver habilidades e favorecer valores como o compromiso e o traballo en equipo en beneficio de toda a sociedade

Cervo, 18 de marzo, 2025. O Concello de Cervo vén de convocar unha nova edición do programa “Cervo a carón do voluntariado IX” -dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos.

O obxectivo xeral do proxecto de voluntariado xuvenil é poñer en práctica a implicación solidaria e o compromiso activo da comunidade moza coa sociedade a través do desenvolvemento cultural e social. É unha oportunidade para desenvolver habilidades e favorecer valores como a empatía, a responsabilidade e o traballo en equipo, e sobre todo “para sentir que son parte activa na construción dun futuro mellor”.

Este mesmo mércores, 19 de marzo, ábrese a convocatoria para todos aqueles mozos e mozas que queiran participar como voluntarios/as nas diferentes actividades previstas nos próximos meses. As persoas interesadas poden recibir máis información e inscribirse na Casa da Cultura.

Con este programa ofrecemos ferramentas á xuventude que lle permitirán poñer en práctica valores tan importantes como a solidariedade e o compromiso social; é unha forma de canalizar esa enerxía que desprende a mocidade en accións que benefician a toda a comunidade, contribuíndo a unha sociedade máis unida, solidaria e participativa.

Exit mobile version