Alfoz, 8 de marzo do 2025. O Concello de Alfoz presenta a segunda edición de “Mulleres de Alfoz”, unha iniciativa que busca dar visibilidade ao papel das mulleres no municipio con motivo do Día Internacional da Muller. Nesta ocasión, as protagonistas son nove mulleres, unha de cada parroquia, que representan diferentes ámbitos laborais e sociais, reflectindo a diversidade e a importancia do seu traballo na comunidade.
A través de infografías, destacaranse as historias e contribucións de mulleres que exercen profesións esenciais como carteira, mestra, empresarias, autónomas, perruqueira ou e tamén se inclúe á responsable da mellor receita da tradicional torta de Mondoñedo.
Desde o Concello de Alfoz queremos recoñecer o esforzo, a dedicación e a valía de todas as mulleres do noso municipio: “O noso compromiso é seguir traballando pola igualdade, visibilizando o talento e a loita diaria das mulleres de Alfoz. Porque sen elas, o noso concello non sería o que é”.
Convidamos a toda a veciñanza a sumarse a esta homenaxe e a compartir esta iniciativa que pon en valor a realidade das mulleres que fan posible o día a día do noso concello.