Trabada, 17 de marzo de 2025. O Concello de Trabada acolle con satisfacción as medidas anunciadas pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante o encontro celebrado o pasado venres no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias en Ribadeo. Na reunión, na que participaron alcaldes e representantes municipais da zona, estivo presente o alcalde de Trabada, Rubén García, quen valorou positivamente os compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia para apoiar ao sector agrario local.
A conselleira explicou que a Consellería habilitará axudas directas de 2.000 euros por hectárea para os produtores da IXP Faba de Lourenzá, ademais de poñer en marcha un instrumento financeiro para o campo galego. Estas medidas responden ás demandas trasladadas polos representantes municipais de Trabada e Lourenzá nunha reunión previa celebrada en Santiago, onde se puxo de manifesto a problemática que afrontan os produtores da zona.
O novo instrumento financeiro consiste en créditos sen ningún tipo de interese, dirixidos a todo o sector agrario, independentemente de estar incluídos na IXP Faba de Lourenzá. Este mecanismo estará dispoñible a partir do mes de abril, permitindo que os produtores accedan a financiación en condicións moi vantaxosas. A Xunta de Galicia asumirá todos os gastos de formalización, os avais e os intereses dos créditos, facilitando así o acceso a liquidez para os profesionais do sector.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia do traballo conxunto entre administracións para lograr avances en beneficio da veciñanza. “Desde o Concello de Trabada seguimos apostando polo diálogo e a colaboración con todas as administracións, independentemente da súa cor política, co obxectivo de solucionar os problemas reais dos nosos veciños e veciñas. Esta reunión e as medidas anunciadas son un exemplo de que as nosas demandas están sendo escoitadas e atendidas”, subliñou.
Ademais, o rexedor asegurou que o Concello de Trabada manterase atento á publicación oficial destas axudas para informar aos produtores locais e facilitar o acceso a estas medidas. “Seguiremos traballando na mesma liña de apoio ao sector agrario e á nosa veciñanza, porque o rural é un piar fundamental da nosa economía e do noso territorio”, concluíu García.
O Concello de Trabada reafirma así o seu compromiso co desenvolvemento e fortalecemento do sector primario, esenciais para o progreso da comarca e o benestar da súa poboación.