Trabada, 20 de marzo de 2025. O Concello de Trabada vén de rematar os traballos de mellora en varias estradas municipais nas parroquias de Vilaformán e Sante, dentro do plan de mellora de infraestruturas locais impulsado polo goberno municipal. Estas actuacións forman parte dun convenio asinado coa Deputación de Lugo cun orzamento total de 105.000 euros.
Ademais destas melloras viarias, nas próximas semanas dará comezo a construción dun circuíto de pump track para bicicletas e monopatíns no complexo deportivo de Trabada, unha infraestrutura que ampliará a oferta deportiva do municipio e fomentará a práctica de actividades ao aire libre.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia destes proxectos para o municipio: “Seguimos a traballar para mellorar as nosas vías de comunicación e para dotar a Trabada de novas infraestruturas que potencien a práctica do deporte, algo fundamental para os nosos veciños e veciñas”.
O rexedor tamén quixo agradecer a colaboración da Deputación de Lugo: “Queremos expresar o noso agradecemento á Deputación de Lugo pola súa implicación e apoio a estas actuacións, que foron posibles grazas ás xestións realizadas polo equipo de goberno”.
Por outra banda, dentro do plan de melloras no complexo deportivo, nas vindeiras semanas tamén será instalado un tobogán, reforzando así a aposta do Concello por espazos de lecer e recreación para todas as idades.