Unha das principais alegacións refírese ao enlace de O Carme, sobre a estrada LU-152 a Ferreira. “Demandamos á Demarcación de Estradas que transforme o semienlace de O Carme proxectado nun enlace completo, para permitir que veciñas e veciños de Santo Acisclo, Santa Cilla, San Martiño e Vilaronte poidan utilizar esta entrada para desprazarse ata Burela e non só cara a Ribadeo. Hai moitos desprazamentos diarios a Alcoa, que é o gran centro de emprego da comarca, ou ao Hospital da Mariña. Sabemos que a inversión será máis alta pero é unha demanda xusta e necesaria. De non poder incluírse o cambio de deseño neste proxecto, podería engadirse no proxecto construtivo ou a través dun modificado de obra. Non só os veciños, a basílica como punto turístico ou empresas da zona sairían moi beneficiadas con esta mellora”, explica Fran Cajoto.
Outras alegacións refírense á accesibilidade ao camiño da Balsa e á área recreativa do Carme desde a LU-152 en San Martiño, ao tránsito peonil no entorno do enlace de O Carme, así como á mellora da sección e afirmado dalgún dos camiños de servizo proxectados no documento. Tamén se pide para mellorar a permeablidade na Baesta, en Vilaronte, estudar a substitución de dous tramos de recheo por viadutos. “Preocúpanos principalmente a accesibilidade, tanto de peóns como vehículos, nas zonas de proxecto da autovía. Tamén estudamos a permeabilidade para o paso de animais, tanto de gando como salvaxes, e que a infraestrutura non constitúa unha barreira. Xa alegamos antes de acceder á Alcaldía en xaneiro do 2019 e con bos resultados, a casa das Arieiras, en San Martiño, non se ve afectada neste documento: un proxecto bo coma este, con boas achegas, aínda se pode mellorar”, indica o rexedor municipal de Foz.
O alcalde demanda da Xunta de Galicia que “mova ficha” e defina dunha vez por todas a VAC Costa Norte ao seu paso por Viveiro, “para que toda a Mariña poida estar conectada e entre dunha vez no S. XXI. A Xunta de Galicia bloqueou o proxecto de variante mentres en Viveiro houbo alcaldesa socialista. É indignante, absolutamente indignante. Agora que non teñen a quen botarlle a culpa veremos o que pasa, porque quen perde sempre son os mariñáns”.