A concelleira Ana Rojo anuncia que “o Concello de Foz, dende a Delegación de Muller e Igualdade, conmemorará o Día Internacional da Muller (8M) a modo de reivindicación e de consolidación dos dereitos da muller, homenaxeando neste día tan especial a todas as mulleres que impulsaron estes ideais, de maneira individual ou colectiva. Declaramos marzo Mes da Muller no noso concello co lema Pola igualdade real e efectiva entre homes e mulleres e organizamos un programa de actividades, dedicado a todas elas”.
Ana Rojo especifica as actividades: “este venres, día 7, realizarase unha concentración ás 18:30 horas diante a Praza do Concello. A continuación procederase á lectura dun manifesto institucional do noso Concello”.
Tamén se entregarán os premios do primeiro concurso de debuxo coa temática do 8M, realizado coa Concellería de Educación, sobre a igualdade de xénero, o movemento feminista, ou o empoderamento da muller. O certame foi dirixido ó alumnado de educación infantil, primaria e secundaria dos centros educativos de Foz. Os premios serán entregados segundo a etapa educativa dos carteis seleccionados pola súa orixinalidade, ademais do elixido como gañador deste 8M. A concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, anuncia que “Saínza Otero Villarino é a rapaza que realizou a obra, unha alumna de 3° da ESO do IES de Foz, e ese será o cartel conmemorativo do 8M difundido polo Concello”.
O luns 17 de marzo de 18 a 20 horas, no salón de actos do Cenima, a matrona María González Cociña, diplomada en enfermería nas especialidades de obstéctricia e xinecoloxía, impartirá un taller titulado Coida o teu solo pélvico, no que ensinará a coñecer e exercitar o solo pélvico como medida de prevención nos autocoidados da actividade da vida diaria. É un taller gratuíto, para mulleres do concello de todas as idades.
A concelleira de Muller e Igualdade destaca que “é necesario seguir traballando na sensibilización, na promoción da igualdade de xénero a todos os niveis, no seno das familias, nas escolas, nas institucións, coa implicación de toda a sociedade, para que nenas e nenos medren nunha sociedade igualitaria e de progreso social. Pola igualdade real e efectiva entre homes e mulleres!”.
A concellería de Cultura, Inés López Couto, reforza a mensaxe dun feminismo que do que debemos ser exemplo. O xoves 27 de marzo a Sala Bahía, de Foz, acollerá ás 20:30 horas a representación da obra de teatro As desterradas, da compañía Excéntricas. Inés López Couto explica que a obra conta “unha historia do século XVI, onde unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubidan en difamalas e ameazadas por todos os medios, dende o tribunal da Inquisición á violencia das mesnadas señoriais. A heroica resistencia daquelas freiras chega agora encarnada nun elenco de mulleres extraordinarias”.
Ademais na Biblioteca Municipal durante todo o mes de marzo, coma todos os anos, haberá unha mostra bibliográfica de libros infantís para celebrar ás mulleres.