En concreto, realizouse unha actuación integral na vía que une os lugares de Marrube e Calvario, incidindo unha vez máis na mellora da seguridade e da accesibilidade das nosas zonas rurais
Cervo, 24 de marzo, 2025. O Concello de Cervo vén de acometer estes días unha mellora integral das vías de comunicación da parroquia de San Román.
En concreto a actuación, que supón un orzamento superior aos 100.000 euros -103.006,89 euros concretamente- procedentes dos fondos do Plan Único, céntrase no camiño que une os lugares de Marrube e Calvario.
Tal e como precisou a alcaldesa, Dolores García Caramés, que supervisou a actuación en compañía do edil de Obras, Adrián Arias, do pedáneo da zona, Antonio Vila, e dos membros da Comunidade de Montes, Pablo Paleo e José Santos, “con esta nova actuación seguimos a traballar na mellora da accesibilidade e da seguridade das nosas zonas rurais, dirixindo fondos públicos a seguir apostando por equilibrar a balanza dos servizos das nosas zonas rurais e urbanas incidindo na igualdade de oportunidades para todas as familias, independentemente do lugar onde residan”
A rexedora puxo así mesmo o foco sobre “a importancia que teñen as nosas zonas rurais, que son o corazón da nosa identidade cultural e que durante os últimos anos levan enfrontando desafíos importantes, como poden ser as deficiencias en infraestruturas viarias”.
Por elo, desde o Concello de Cervo, facemos unha firme aposta por destinar cartos públicos a ir mellorando estas arterias de comunicación, e tamén outras infraestruturas básicas, para contribuír á mellora da calidade de vida das familias que están asentadas nestas zonas, e tamén como un impulso para poder favorecer a chegada de novos veciños que axuden a seguir enchendo de vida as nosas aldeas, apostando porque teñan as mesmas oportunidades e servizos, sen importar onde se resida, sentenciou.