Terá lugar o mércores 19 de marzo ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello
Burela, 13 de marzo de 2025. O Concello de Burela organiza un encontro entre empresas e axentes de emprego o vindeiro mércores 19 de marzo, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais na zona e facilitar a contratación de profesionais cualificados.
Neste evento, as empresas locais poderán coñecer os servizos que ofrece a Orientadora Laboral do Concello de Burela, un servizo subvencionado con fondos autonómicos, así como as propostas formativas dispoñibles no Centro de Formación Ocupacional.
A xornada tamén contará coa participación de representantes da Cofradía de Pescadores, Cruz Roja e do Centro de Refuxiados de Burela da ONG Rescate Internacional.
Durante o evento, as empresas poderán obter información sobre os perfís profesionais demandados no mercado laboral, as posibilidades de contratación e as distintas formacións que se están a levar a cabo para axudar na mellora da cualificación dos traballadores.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para a dinamización económica local. “O noso obxectivo é ofrecer ás empresas locais todas as ferramentas e recursos posibles para facilitar a contratación e mellorar a súa competitividade. Este encontro é unha oportunidade única para establecer unha colaboración estreita entre os axentes de emprego e as empresas”, comentou López.
O evento tamén incluirá un espazo aberto para que as empresas poidan resolver dúbidas e interactuar directamente cos axentes de emprego presentes. Ademais, detallaranse as distintas vías de contratación e as oportunidades formativas que se ofrecen desde as entidades locais para mellorar a inserción laboral.
Este encontro forma parte dunha estratexia global do Concello para fortalecer o tecido empresarial local, mellorar a inserción laboral e fomentar a cooperación entre as empresas e as entidades de emprego.