Tras esta visita institucional, Osvaldo Chantre e o tenente da alcaldesa, Mario Pillado, viaxarán o 1 de abril a Sevilla para participar no IV Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local
Burela, 31 de marzo de 2025. O Concelleiro de Agricultura, Gandaría e Pesca de Tarrafal, Osvaldo Chantre, visitou hoxe Burela dentro dunha viaxe organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O obxectivo desta visita foi coñecer de preto o funcionamento do sector pesqueiro local e establecer posibles vías de cooperación.
Durante a xornada, Chantre visitou a Cofradía de Pescadores de Burela, onde puido analizar o modelo de xestión aplicado na vila mariñeira. Posteriormente, foi recibido institucionalmente no Concello de Burela, e xa pola tarde, percorrerá o Barco Museo Reina del Carmen e coñecerá as instalacións de ABSA, puidendo observar de primeira man os procesos que caracterizan a industria pesqueira da zona.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a relevancia deste tipo de encontros e subliñou que a comunidade caboverdiana é unha parte esencial da identidade local.
“A presenza de Osvaldo Chantre en Burela representa moito máis ca unha visita institucional: é un símbolo do profundo vencello que nos une con Cabo Verde. A comunidade caboverdiana é parte esencial da nosa identidade, e contribúe día a día a facer de Burela unha vila máis rica, diversa e acolledora”.
Destacou tamén que compartir experiencias no ámbito da pesca “permítenos avanzar xuntos e seguir aprendendo uns dos outros. “Este tipo de encontros fannos máis fortes como pobo e abren camiños para un futuro de cooperación e respecto mutuo.”, destacaba López.
Pola súa banda, o tenente da alcaldesa, Mario Pillado sinalou que esta visita exemplifica a importancia da colaboración cos países do Sur, especialmente con Cabo Verde.
“Esta é unha mostra mais da ferramenta que nos ofrece o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para colaborar cos países do Sur, nomeadamente con Cabo Verde, o que nos serve para tender pontes e que o aprobeitamento sexa nos dous sentidos”, concluíu Pillado.
Mañá martes, 1 de abril, Mario Pillado e Osvaldo Chantre viaxarán a Sevilla para participar no IV Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local, que se celebrará ata o xoves 3 de abril, representando tamén ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.