Fíxoo con actividades festivas e cun xantar popular ao que asistiron profesorado e alumnado antigo e actual, familias e demais persoas que tiveron contacto co centro ao longo destas catro décadas. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na xornada. Un dos actos principais do evento, que contou co apoio do Goberno galego, foi a inauguración da escultura 40 anos de ensino rural, realizada pola artesá Clara Naseiro, que quedou instalada na entrada principal do recinto escolar. Tamén se presentou unha exposición fotográfica que repasa a historia do colexio.
